A parella interceptada en abril de 2023 en Nigrán (Pontevedra) cun cargamento de máis de 20 quilos de heroína ocultos no seu coche aceptou a pena de 6 anos de cárcere para cada un, como autores dun delito contra a saúde pública na modalidade de drogas que causan grave dano á saúde e en cantidade de notoria importancia.
Así o fallado a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, tras un acordo de conformidade entre a Fiscalía e a defensa dos procesados, José Antonio V.B. e Virginia M. Ademais da pena de prisión (ambos están xa en prisión provisional), impúxoselles unha multa de 685.975 euros.
Inicialmente, o ministerio público reclamaba 8 anos de cárcere para cada un e multa de algo máis de 2 millóns de euros (o triplo do valor da droga intervida). Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, a UDYCO da Policía Nacional estableceu un dispositivo de vixilancia sobre esta parella, ao ter constancia de que se relacionaban cunha terceira persoa que fora condenada por narcotráfico.
Así, na madrugada do 31 de marzo de 2023 observaron que os sospeitosos iniciaban unha viaxe con destino “sospeitado” aos Países Baixos. Á volta, o 2 de abril, foron interceptados á súa chegada a Nigrán. Na inspección do seu vehículo, os axentes atoparon, ocultos en dous habitáculos entre os paneis traseiros e a chapa do coche, 40 paquetes cun total de máis de 20 quilos de heroína. Así mesmo, no bolso da muller atopáronse 895 euros, e 6 teléfonos móbiles, 4 portatarxetas e cadernos con anotacións.
Ademais, efectuouse un rexistro nun garaxe alugado a nome dela, onde se atopaba un coche en cuxo maleteiro apareceu unha maleta con cadeado. No interior da maleta a Policía atopou outros 4 quilos de heroína en diversos paquetes e envoltorios, ademais dunha báscula de precisión, un cúter, lentes de protección e outros efectos para a pesada e a manipulación da droga. Segundo o ministerio público, os acusados transportaron e gardaron a droga por encargo de terceiros non identificados, a cambio dunha contraprestación económica.