InicioOpiniónOPINIÓN.- Vigo e a economía do Ben Común

OPINIÓN.- Vigo e a economía do Ben Común

Artigo de Óscar Lomba, coordinador de Diem25 en Galicia e militante de Podemos Galicia

PUBLICADO O

- Advertisement -

Introdución

Vigo, cidade de rías abertas e alma industrial, vive atrapada nunha encrucillada histórica. Durante décadas, un modelo económico anquilosado deu forma ao seu desenvolvemento, dirixido por unha elite empresarial que preferiu o beneficio inmediato e especulativo ao benestar colectivo e a sustentabilidade. Hoxe, desde unha perspectiva posmarxista, resulta urxente expor un cambio radical: superar o vello modelo fracasado que aínda arrastra as secuelas do neoliberalismo máis depredador e avanzar cara a un posfeudalismo produtivo que poña ás clases traballadoras e populares no centro.

O legado do saqueo: as elites da decadencia

A economía de Vigo, en boa parte, foi vítima dos erros e abusos de figuras como Fernández Gayoso e Pego Alonso da extinta Novagalicia Banco, cuxo legado de desfalco e corrupción hipotecou o futuro financeiro de miles de familias galegas. Non menos nefasto foi o impacto de Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz Andrade en Pescanova, quen utilizou o emporio pesqueiro para alimentar unha maquinaria especulativa que terminou por esborrallar un dos piares da economía local. A estes nomes súmanse González Viñas e García Costas, arquitectos da decadencia no sector naval, quen, en lugar de fortalecer unha área fundamental para a soberanía industrial, favoreceron prácticas insostíbeis que levaron á crise de estaleiros históricos.

Este modelo, baseado no saqueo de recursos públicos, a precarización laboral e a especulación financeira, non só destruíu tecido produtivo, senón que deixou un baleiro de lexitimidade que hoxe é imperativo encher con novas ideas e prácticas económicas. Un novo modelo económico  para Vigo non pode limitarse a un cambio de actores; debe ser un cambio de sistema.

Cara a unha economía circular e do Ben Común

A alternativa ao modelo neoliberal das elites especuladoras non pode ser un simple retorno ás formas tradicionais de produción. Vigo necesita un proxecto económico que integre os principios da economía circular e do Ben Común, onde os beneficios non se midan unicamente en termos de capital acumulado, senón tamén no impacto social, ambiental e cultural.

O porto de Vigo, actualmente unha peza esencial nas cadeas globais de mercadorías, debe transformarse nun motor de sustentabilidade. Por que non converter as súas instalacións nun referente mundial de loxística verde, utilizando enerxías renovábeis e sistemas de reciclaxe avanzados? A ría, tan castigada por décadas de actividade industrial contaminante, pode e debe ser o centro dunha nova relación coa contorna, onde a economía mariña estea ao servizo da rexeneración ambiental e non da súa destrución.

Por outra banda, a Zona Franca, tradicionalmente concibida como un espazo de exencións fiscais para grandes corporacións e empresas internacionais, debe ser repensada como un laboratorio de economía colaborativa e coworking. Os polígonos industriais, en lugar de ser simples contedores de produción, poderían converterse en ecosistemas onde pequenas e medianas empresas desenvolvan tecnoloxías limpas, produtos de alta calidade e solucións innovadoras para os retos do século XXI.

I + D + i: a clave da transformación

A innovación tecnolóxica é o eixo central de cualquera proxecto transformador para Vigo. Cunha universidade vibrante e centros de investigación punteiros como o CTAG ou Gradiant, a cidade ten as ferramentas para liderar sectores emerxentes como os chips fotónicos, a intelixencia artificial ou a biotecnoloxía mariña. Porén isto non sucederá sen unha aposta decidida pola democratización do coñecemento e o investimento público en Investigación, desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (I + D + i). 

Neste sentido, é vital impulsar a formación e retención de talento local, evitando a fuga de cerebros que tanto empobreceu a Galicia nas últimas décadas. A investigación debe estar orientada a resolver problemas concretos das clases populares, desde a transición enerxética até a mellora das condicións laborais, pasando pola creación dun sistema alimentario máis xusto e sostíbel.

Unha cidade para a maioría social

O reto final é político. Vigo non pode seguir sendo unha cidade ao servizo de intereses corporativos nin dunha elite egoísta e obtusa. É imprescindibel construirmos unha cidade ao servizo das clases populares, a clase traballadora e a maioría social. Isto implica democratizar as institucións locais, garantir a participación cidadá na toma de decisións económicas e fortalecer os servizos públicos como base da xustiza social.

Un novo modelo económico, entendido como unha superación tanto do tecnofeudalismo como do neoliberalismo especulativo, non é unha utopía, senón unha necesidade histórica. Neste modelo, as relacións de poder se reconfiguran para que os medios de produción, o coñecemento e os recursos naturais estean ao servizo de quen os sostén co seu esforzo cotiá: a xente común.

A nova epopea viguesa

Vigo ten ante si a oportunidade de converterse nun faro de transformación económica e social, un exemplo de como unha cidade pode reinventarse sen perder a súa identidade nin abandonar a quen máis o necesitan. A transición cara a un modelo produtivo circular, unha económica do Ben Común e sostíbel non será doado, porén é o único camiño para garantir un futuro digno.

Nesta nova epopea, o pasado debe ser unha advertencia, non unha condena. As elites especuladoras demostraron a súa incapacidade para construír algo duradeiro. Agora, é a quenda da clase traballadora, das cooperativas, dos mozos innovadores e dos movementos sociais.

Vigo pode ser a cidade das rías, porén tamén das revolucións. Un lugar onde non enxerguemos o horizonte con resignación, senón con esperanza.

————————

Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia. Militante de Podemos Galicia. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, Tempos Novos, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...