A Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de acción contra o cambio climático que inclúe o deseño dunha metodoloxía para elaborar mapas de calor, así como a localización de refuxios climáticos nos concellos galegos, atendendo ás necesidades de biodiversidade. A titular deste departamento, Ángeles Vázquez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, foron os encargados de asinar o convenio que terá como obxectivo avanzar na creación de zonas verdes e “contribuír a elevar o benestar da cidadanía”, neste campo a nivel local.
A responsable autonómica explicou que a finalidade última deste acordo, cun orzamento de preto de 40.000 euros no marco do plan estatal Pima Refuxios Climáticos, é dotar aos municipios de “información e procedementos claros” para que poidan crear “contornas amables e adapten as súas zonas urbanas coa aposta por máis espazos naturais e menos infraestrutura gris”. Deste xeito, desenvolverán un proxecto de acción contra o cambio climático para que as entidades locais identifiquen, no seu ámbito de actuación, cales son as illas de calor, é dicir, as zonas con temperaturas máis altas do concello, e cales os refuxios climáticos, as máis frescas e verdes que poidan ser empregadas pola poboación en episodios de elevadas temperaturas; así como tamén as zonas de preservación da biodiversidade.
“Este convenio é para nós transcendental”, asegurou a conselleira de Medio Ambiente, que puxo de relevo o impacto da climatoloxía na calidade de vida das persoas. Así pois, destacou a transcendencia de contar con refuxios climáticos que axuden a paliar estas situacións, ofrecendo lugares frescos e zonas de sombras para acoller á poboación máis vulnerable. “Galicia quere ser un refuxio climático e para ser un refuxio climático ten que haber unha metodoloxía”, afirmou Vázquez, que defendeu que o deseño destes refuxios climáticos necesita “un enfoque integral” que teña en conta a adaptación dos ecosistemas e a mellora da calidade de vida da cidadanía. Por todo iso, agradeceu o labor dos profesionais da Universidade de Vigo, que se encargarán de plasmar os coñecementos científicos e técnicos en métodos concretos cos que ofrecer estas solucións.
O responsable do proxecto, Pedro Orgeira, manifestou que se busca establecer unha metodoloxía que sexa aplicable a calquera concello galego, para que se poida “determinar dunha forma sinxela, cun dispositivo portátil, cales son as illas de calor e cales as zonas que poidan ser refuxios climáticos”. Coa ferramenta resultante manifestou que todo concello poderá realizar un mapa para localizar estas zonas, que estarán a disposición tanto dos veciños como de calquera visitante. Orgeira desexou que este deseño “sexa o punto inicio” para unha segunda fase na que “ampliar e mellorar o grao de detalles”, incorporando mesmo imaxes de satélites ou información capturada sensorialmente por drones. Así as cousas, a responsable autonómica celebrou que con este convenio “Galicia continuará á vangarda na loita contra o cambio climático”, ao ofrecer información estruturada e localizada xeograficamente para identificar estas zonas en momentos de episodios adversos.