InicioSociedadeConfirmado como crime machista a morte da nova de 36 anos atopada...

Confirmado como crime machista a morte da nova de 36 anos atopada o venres en Baiona

A súa exparella fuxiu do lugar alegando que non se ía a "comer ese marrón" e negando ter relación coa morte da moza. A vítima, que deixa unha filla de pouca idade, presentaba diversos golpes. Segundo o informe preliminar da autopsia, a causa da morte serían uns traumatismos na cabeza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou este luns que Estela B.S., de 36 anos de idade, cuxo cadáver foi atopado o pasado venres na vivenda da súa exparella en Baiona, foi vítima dun crime machista. Tanto o Ministerio de Igualdade como a propia Delegación fixeron pública nun comunicado a súa condena por este novo caso violencia de xénero, o desta nova “asasinada presuntamente pola súa exparella”, contra quen existían denuncias previas por violencia machista.

De feito, a vítima, que tiña unha filla de pouca idade, estaba rexistrada no sistema de seguimento VIOGEN, cunha situación cualificada como de “risco medio”; e a súa exparella ten unha orde de afastamento con respecto a ela, ditada polo xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo, que se fixo cargo da investigación do crime.

A GARDA CIVIL CONTINÚA NA PROCURA DO HOME

Garda Civil continúa os labores de procura da exparella de Estela B.S., que segue en paradoiro descoñecido. Así, o dispositivo de procura iniciouse á primeira hora do venres, desde o momento en que se tivo coñecemento deste crime, e despois de que a exparella da muller, que foi quen alertou a Emerxencias, saíse fuxindo do lugar tras dicirlles aos sanitarios que acudiron (e que só puideron certificar a morte da moza) que el non se ía “comer ese marrón”. Nas primeira horas despregouse un operativo de procura pola zona, que incluíu a participación de drons.

Co paso dos días foise ampliando o círculo para tratar de dar co home e, como é habitual neste tipo de accións, informouse a outros corpos de seguridade, incluídos tamén os de provincias limítrofes e de Portugal, pola proximidade da fronteira co país veciño. Polo momento, a procura non deu os seus froitos. O crime de Baiona investígase como un homicidio de violencia machista e as pescudas están coordinadas polo Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo. Estela B.S. estaba rexistrada no sistema VIOGEN e a súa exparella tiña unha orde de afastamento con respecto a ela, ditada o pasado 30 de abril.

O home chamou sobre as 4.35 horas ao 112 para informar de que atopara a Ronsel ás portas da súa casa. Segundo o seu relato, meteuna no domicilio e sentouna e tapouna cunha manta, ata a chegada dos profesionais do 061, que só puideron confirmar o falecemento; cando os sanitarios chegaron, el fuxiu do lugar alegando que non se ía a “comer ese marrón” e negando ter relación coa morte da moza. A vítima, que deixa unha filla de pouca idade, presentaba diversos golpes. De feito, segundo o informe preliminar da autopsia, a causa da morte serían uns traumatismos na cabeza.

A POLICÍA SEGUE PISTAS “PROMETEDORAS”

Segundo o subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, a Garda Civil segue pistas “prometedoras” para dar co presunto asasino da moza de 36 anos. En declaracións aos medios con motivo da concentración que se realizou en Pontevedra, o tenente coronel Óscar Graña, xefe interino da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, indicou que “de momento” os investigadores cren que a exparella da vítima, Humberto G.R., segue pola zona. “Estamos a buscar na zona, intensificando a procura nesa zona. É coñecedor desa zona e pensamos que debe estar alí”, remarcou.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, pola súa banda, destacou o “esforzo” que está a facer a Garda Civil na procura deste sospeitoso e confirmou que, no dispositivo tamén participan a Policía Nacional, a Policía Local de Vigo e corpos portugueses. “As pistas prometedoras parece que están aí”, reiterou Abel Losada que, que quixo ser cauto nas súas declaracións para “non interferir en absoluto na investigación”.

Losada pediu “paciencia, especialmente aos medios, á hora de favorecer que a Garda Civil poida facer o traballo da maneira máis discreta posible”. “Estamos a buscar a unha persoa que está fuxida e á que non convén darlle ningún ‘input’ de como se está desenvolvendo o procedemento”, dixo Losada. O tenente coronel Óscar Graña tamén apuntou que este corpo estableceu “diferentes dispositivos de procura”. Non temos constancia de que marchase a outra zona, aínda que se alertou a Portugal e á Policía Nacional en Vigo”, reafirmou.

REPULSA DA XUNTA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou a súa “repulsa” polo crime machista e comprometeu que a Administración galega porá “todos os recursos de atención e apoio psicolóxico” á filla menor de idade da vítima. Na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego, que este luns se celebrou en Noia, Rueda manifestou “toda a repulsa” e “condolencia” da Xunta á contorna da muller vítima de “esta secuela que, por desgraza, maniféstase de cando en vez da maneira máis espantosa, que é cun asasinato”. “Non se pode baixar a garda. Hai que seguir traballando todos conxuntamente para acabar coa secuela da violencia de xénero”, concluíu Rueda.

MINUTOS DE SILENCIO

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu un minuto de silencio como expresión de condena e repulsa polo asasinato machista desta muller o pasado venres en Baiona, unha vez que a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou que se trataba dun caso de violencia machista. Nun comunicado, a ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresaron a súa máis absoluta condena e rexeitamento ante este “asasinato machista” e trasladan todo o seu apoio a familiares e amizades das vítimas. Tanto a ministra como a delegada piden “todos os esforzos” desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade “para chegar a tempo e evitar máis mortes”.

Ademais deste acto de condena en Pontevedra, tamén houbo concentracións de repulsa convocadas por outras institucións como a Delegación do Goberno en Galicia, o Concello e a Deputación de Lugo. Na Coruña, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, condenou este “brutal asasinato” que provoca “indignación e dor”, e trasladou o seu apoio e o do Goberno aos familiares e achegados de Ronsel, que “non están sós”. “Este crime non é só un atentado contra unha muller, senón tamén contra toda a sociedade e contra os valores da igualdade. Non pararemos ata erradicar a violencia contra as mulleres, (…) e fago un chamamento á cidadanía para seguir loitando activamente contra este tipo de violencia. Só co compromiso e a implicación de todos poderemos avanzar”, proclamou.

40 MULLERES ASASINADAS EN ESPAÑA

Coa confirmación deste caso o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España no que vai de ano ascende a 40 (e esta é a cuarta vítima en Galicia), e é de 1.284 desde 2003. Ademais, o número de orfos por estes crimes é de 30 neste ano e suman 463 desde 2013. A ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresaron este luns o seu “máis absoluta condena e rexeitamento ante este asasinato machista” e trasladaron todo o seu apoio a familiares e amizades das vítimas. Por outra banda, pediron “todos os esforzos desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade para chegar a tempo e evitar máis mortes”.

O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, lembra que o teléfono 016, as consultas en liña a través do e-mail 016-online@igualdad.gob.es, a canle do WhatsApp no número 600 000 016 e o chat en liña, accesible desde a páxina web violenciagenero.igualdade.gob.es, funcionan as 24 horas, todos os días da semana. Doutra banda, tamén lembra que nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada e ante unha situación de perigo, pódese utilizar a aplicación ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero.

ÚLTIMAS

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan o atropelo mortal a un home de 33 anos na AP-9 en Vigo

A Garda Civil investiga o atropelo mortal a un home de 33 anos, veciño...

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...