InicioSociedadeUn estudo da UVigo alerta sobre a "invisibilización" da ciberviolencia machista nos...

Un estudo da UVigo alerta sobre a “invisibilización” da ciberviolencia machista nos medios

Aumentan a preocupación pola creación de pornografía dixital a través de IA.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O estudo ‘Radiografía da violencia machista dixital na prensa galega’, o cuarto informe deste tipo elaborado polo Observatorio de Machismo Dixital da Cátedra Feminismos 4.0 (impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra), alerta sobre a “invisibilización” da ciberviolencia machista nos medios de comunicación galego e constata que a crecente prevalencia deste tipo de violencia non ten un reflexo proporcional neses medios como feito noticiable. Así o trasladou a directora da Cátedra, Águeda Gómez, nunha rolda de prensa na que se presentou o informe, e na que tamén participaron a deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación, Sandra Bastos, e a vogal da Asociación Xornalistas Galegas, Marga Tojo.

Para a elaboración deste estudo analizáronse 238 pezas xornalísticas de La Voz de Galicia (45,9 %), Faro de Vigo (37,8 %), El Progreso (2,7 %), El Correo Gallego (5,4 %), Diario de Pontevedra (2,7 %) e El País (2,7 %), das que case o 61 % estaban enfocadas en casos de violencia machista dixital, e un 39 % en accións para combatela. En 2023, o informe localizou 315 pezas, das que o 51,6 % centrábanse nas accións e o 48,4 %. Por outra banda, con respecto ao contido desas informacións centradas en casos de violencia, o 20 % están vinculadas á ‘manosfera’ (rede de sitios web que promoven a masculinidade tóxica e a misoxinia); o 32,4 % refírese a ciberviolencia con menores implicados; o 38,6 % trata asuntos relacionados co sexo ou xénero; e o 9 % refírese a violencia dixital exercida contra mulleres por ter presenza pública (xornalistas, políticas, artistas, etc.)

Con respecto ás informacións sobre accións para combater esta violencia, o 38,8 % aborda a prevención, o 25,8 % céntrase na lexislación, o 22,6 % son informacións relacionadas co activismo, e o 11,8 % refírense a informes e estudos publicados. En resumo, o volume de noticias sobre ciberviolencia machista “é sempre maior” que o volume de informacións sobre accións para combatela. En xeral, a maioría de informacións sobre este tipo de violencia céntranse na pornografía e o uso de IA para crear pornografía dixital, e as noticias ‘deepfake‘.

CONCLUSIÓNS

Segundo explicou Águeda Gómez, o estudo conclúe que hai “unha falta de recoñecemento social das experiencias de violencia dixital que sofren as nenas e mulleres”, e que, aínda que os datos de prevalencia deste tipo de violencia son “alarmantes”, non é proporcional o seu reflexo nos medios de comunicación. Tamén conclúe que hai un “auxe xeneralizado” da ciberviolencia machista cara ás menores e que, aínda que existen protocolos institucionais para frear o ciberacoso, estes están dirixidos ao uso que os menores fan de internet e das redes sociais.

En definitiva, prodúcese “certa invisibilización da ciberviolencia machista nos medios, a pesar da súa relevancia”. Segundo lembrou Águeda Gómez, un estudo da revista Nature revela que unha gran maioría de persoas expresa a súa satisfacción como usuarios de internet, fóra das mulleres, que o perciben como un espazo hostil para elas. A representante de Xornalistas Galegas, Marga Tojo, pola súa banda, agradeceu o rigor do traballo e valorou que, desde 2019, produciuse unha “evolución positiva”, xa que entón “menos do 1 % das informacións en medios abordaban cuestións coa igualdade de xénero”. Ademais, reclamou a figura da editora de xénero e formación de xénero “en todas as redaccións”. Finalmente, a deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación, Sandra Bastos, fixo fincapé na importancia dos medios de comunicación como “axentes activos, que constrúen relato”, na loita contra a ciberviolencia machista.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...