InicioSociedadeO alumnado do CEIP Altamar acudirá a clase con cascos en protesta...

O alumnado do CEIP Altamar acudirá a clase con cascos en protesta pola “insalubridade” do centro

A dirección do colexio e a asociación de nais e pais denunciaron que a situación ante a administración

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os alumnos do CEIP Altamar de Vigo acudirán este xoves a clase ataviados con cascos de obra, como forma de protesta polo estado de “insalubridade” do centro, onde denuncian problemas de humidade, falta de mantemento e mesmo presencia de ratas e cascudas.

Tanto a dirección do colexio como a asociación de nais e pais denunciaron que a situación das instalacións foi posta en coñecemento da administración, sen que se adoptaron medidas para solucionar os problemas das instalacións, que acollen a uns 200 alumnos de entre 3 e 12 anos de idade.

Así, a dirección enviou en novembro do ano pasado un informe á xefatura territorial de Educación, alertando do mal estado do colexio, con fotografías nas que poden verse cascudas no comedor e os corredores, ratas en zonas de paso habitual dos estudantes, varandas oxidadas, zonas con humidades, inundacións nos baños por problemas nos canos, escaleiras metálicas oxidadas, desprendementos na fachada, pingueiras na biblioteca, e unha infinidade de mostras de deterioración e falta de mantemento.

“O noso sentimento é de abandono total e falta de compromiso coas nosas necesidades. Non temos recursos para mellorar o centro e o mantemento do centro por parte do Concello e Consellería é escaso ou nulo”, denuncia a dirección no informe, no que alerta de que a situación condiciona o traballo dos docentes e o benestar e seguridade do alumnado.

O CONCELLO CULPA Á XUNTA

Tras coñecerse esta convocatoria e facerse pública a denuncia, o goberno local de Vigo remitiu un comunicado aos medios no que insta á Xunta a acometer as rehabilitacións e reformas necesarias neste centro educativo.

Segundo sinalan fontes municipais, “o mal estado das instalacións responde a carencias estruturais”, polo que “a administración responsable é a Xunta de Galicia”, e lembran que o colexio está nun inmoble compartido coa residencia xuvenil Altamar, “polo que é a administración autonómica a titular desta construción”.

“Desde hai anos, este goberno vén reclamando á Xunta a rehabilitación dos centros educativos da cidade, con moitos anos de antigüidade, cuestión que non é de competencia municipal”, expón o goberno vigués no comunicado, no que tamén lembra que o Concello pagou os recibos da luz, a limpeza, o mantemento das caldeiras, reparacións e asumindo outros gastos de autogestión (uns 5.300 euros anuais).

Finalmente, as mesmas fontes aseguraron que o Concello actuou “ante a única solicitude recibida” pola presenza de formigas, con labores de desinfección, e lembrou, que cada mes de novembro, o goberno local leva a cabo esas tarefas de desinfección en todos os colexios.

A XUNTA RESPONDE 

A Xunta de Galicia saíu ao paso das denuncias públicas e as críticas, e asegurou que os problemas están vinculados con labores de mantemento e conservación que son “competencia municipal”. Fontes da administración autonómica sinalaron que a Consellería de Educación “está a atender as demandas do colexio” que son da súa competencia e que, nos próximos días, “a Unidade Técnica de Obras” desprazarase ao centro para inspeccionar a fachada e “deseñar unha posible intervención para corrixir as deficiencias que se detecten”.

De feito, recalcaron as mesmas fontes, nos últimos anos a Consellería investiu case 240.000 euros en actuacións de mellora para ampliar espazos como aulas, biblioteca, comedor, e para mellorar os servizos de calefacción, entre outros.

Con todo, a Xunta matizou que as deficiencias denunciadas por dirección do centro e ANPA, “entran dentro dos labores de mantemento e conservación dos colexios, que é unha competencia municipal”. “Neste caso, as deficiencias derívanse da falta de mantemento por parte do Concello, que é a quen lle corresponde levar a cabo labores de pintura, desratización, mantemento de patios, entre outros”, engadiron desde o goberno galego.

Finalmente, a administración autonómica explicou que a situación se agrava porque o CEIP Altamar “está sen conserxe”, un posto que tamén lle corresponde dotar ao Concello, como ocorre no resto de centros de Infantil e Primaria de Galicia.

ÚLTIMAS

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan o atropelo mortal a un home de 33 anos na AP-9 en Vigo

A Garda Civil investiga o atropelo mortal a un home de 33 anos, veciño...

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...