A ludoteca municipal de Ponteareas, Ludotea (Avenida de Castelao nº 23), leva case dúas décadas tentando ensinar doutra forma. Falamos con Rocío Márquez, traballadora do centro, do seu modelo educativo e de como a maneira de educar acaba repercutindo na sociedade.
P- Defenden no seu centro un modelo educativo distinto ao tradicional?
R- Agora están ‘de moda’ enfermidades como o Trastorno de Hiperactividade (TDH) ou o Asperger, e o que máis precisan os nenos é o contacto coa natureza, desafogarse e aprender valores e respecto, algo que non se consegue cos libros no día a día.
A ludoteca é un lugar no que aprender xogando, a socializar… Hai nenos que con 11 anos aínda non saben nin recortar.
P- Cal é o seu principal obxectivo?
R- Esta lugoteca é pública, e non ten ningún tipo de subvención desde hai 18 anos. Non se trata dunha motivación ‘económica’, é simplemente un centro para axudar á poboación e facer máis fácil a convivencia.
P- Teñen en conta os distintos tipos de intelixencias que existen, así como que non hai dous nenos iguais?
R- Nos colexios os profesores están moi atados, e logo aparece o fracaso escolar, porque cada alumno precisa o seu tempo para aprender. Non todos temos as mesmas capacidades. Na ludoteca seguimos unha educación non formal, tentamos levar á práctica todo o que pode chegar a ser necesario en algún momento.
Levamos traballando durante anos o coiro e a repostería, por exemplo. Xa facíamos cociña antes da aparición de Master Chef: á vez promovemos os valores do esforzo e axudamos a coidar a saúde mentres se aprende este oficio.
Un día preparamos cociña vexetariana, outro asiática… A cuestión sobre todo é que os nenos manipulen os alimentos, que ‘xoguen’ con eles, que os cheiren e cociñen. Ao final, como unha maneira de non malgastar o seu propio esforzo, como o elaboraron eles coas súas mans, acaban probando pratos que en condicións normais nunca se atreveran.
P- E en canto ás manualidades?
R- Pois traballamos tamén con tódolos materiais e técnicas: arcilla, gravado, debuxo, bixutería, cestería, coiro.. facemos de todo e cano anos reciclámonos. Tentamos ata estar ao loro do que se pon de moda, porque iso é o que motiva aos nenos e os vai levando.
P- Outorgamos demasiada importancia ao memorístico e ás notas na educación dos máis novos?
R- O produtivo é o que forma ao neno integramente, en todos os sectores, e non buscar só o rendemento escolar. Non todos temos que ser enxeñeiros nin avogados. O neno o que ten que ter é un bo desenvolvemento tanto físico como emocional para logo ser un bo individuo dentro da sociedade.
P- Mencionou con anterioridade a falta dunha ‘cultura do esforzo’.
R- Por iso os nenos fracasan. Hai algúns os que se lles dá todo o tempo do mundo e mesmo así levan suspensos. De tódolos xeitos, se o neno se esforza pero non chega haberá que premialo con outras cousas.
Pero en xeral o problema dos cativos agora mesmo é que ningún deles chegou a onde chegou con esforzo. Para que vou loitar, se me dan todo papá e mamá. Ao final derivamos nunha sociedade frustrada que pensa que pode facer todo o que queira e nunca termina de recoñecerse a si mesma que non todo o monte é ourego.
Debes esforzarte e ao mellor recibes un premio, ou ao mellor non: non sempre se consegue o que se desexa. Moitos rapaces nunca levaron un non por resposta. Por que hai violencia dos nenos aos pais? Porque de súpeto chega o non e é impensable para eles.
P- Con que idades traballan?
R- Con nenos de 6 a 12 anos, rango de idade que podemos aumentar ata os 16 para proxectos concretos. Os que hoxe en día teñen 20 e poucos falan de que se acordan aínda da ludoteca, pero moitos pais aínda non comprenden o importante que é o xogo para un neno.