InicioSociedadeAbel Caballero, pregoeiro nas festas dun concello da Coruña: sabes en cal?

Abel Caballero, pregoeiro nas festas dun concello da Coruña: sabes en cal?

Polémica no municipio pola elección do rexedor vigués, da mesma cor política que o alcalde, Anxo Arca.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, chóvense os pretendentes. Se tras o éxito das súas luces de Nadal foi chamado este mesmo ano para inaugurar a iluminación de Redondela, agora a súa fama xa trascende as fronteiras da área da cidade olívica e mesmo o chaman para ser o pregoeiro dunha importante festa de interese turístico nun concello da provincia da Coruña: as Festas da Pascua, en Padrón, cuna de Rosalía de Castro e Camilo José Cela. Dúas semanas de festas case ininterrompidas terán como comezo por todo o alto o pregón que o rexedor vigués dará o sábado 30 de marzo ás 21.00 horas.

O alcalde do concello padronés, Anxo Arca, xustificou a súa elección pola súa traxectoria e compromiso, asegurando que é un orgullo para Padrón poder contar con Abel Caballero na Pascua como pregoeiro. Dende a súa experiencia como catedrático de Teoría Económica na Universidade de Vigo, Abel Caballero logrou converter as Festas de Nadal de Vigo nun evento de renome nacional e mesmo internacional e, dende esa, non deixa de gañar fama. Ademais, cabe destacar que Abel Caballero é da mesma cor política que o alcalde padronés: ambos pertencen ao PSdeG. Arca logrou facerse coa Alcaldía nas pasadas eleccións municipais, pois o pobo foi tradicionalmente popular.

A decisión non pasou desapercibida nin entre os propios veciños nin entre a oposición. Dende o BNG, Beatriz Rei considerou que o nomeamento de Abel Caballero como pregoeiro é “unha falta de respecto á veciñanza e unha falta de decoro político”. De feito, dende o BNG propuxeran o pasado mes de decembro á doutora Manuela Camino López, responsable da Unidade de Transplante Cardíaco Infantil no Hospital Gregorio Marañón e veciña da vila, como pregoeira. Rei criticou que o goberno local careza “de altura de miras e que sexa incapaz de aproveitar un evento de tanta transcendencia para pór en valor o traballo e o labor social de veciñas como Manuela Camino e que prefira aproveitar ese momento para traer a Padrón a un compañeiro do partido”.

Tamén entre os veciños esta semana se estaban a escoitar comentarios de todo tipo. O pasado ano 2023 o pregoeiro das Festas da Pascua de Padrón fóra o prestixioso cómico David Amor. No 2019 tamén se inauguraron as festas coa intervención doutro cómico, Xosé Touriñán. No 2018 a pregoeira fora Cristina Castaño, actriz moi recoñecida a nivel nacional e que, ademais, é veciña da vila. E, no 2015 fóra o ex ciclista Jesús Blanco Villar, por citar só algúns exemplos dos pregoeiros que precederon a Abel Caballero neste acto. 

ÚLTIMAS

O Porto de Vigo retira os terreos do antigo Vulcano a Estaleiros San Enrique tras caducar a súa concesión

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo resolveu por unanimidade o expediente...

Mos ameaza con ir aos tribunais polo abandono da A-55 e da N-550

A xunta de goberno local de Mos aprobou este venres a formulación dun requirimento...

Un cargueiro á deriva fronte a Portugal é remolcado a Vigo tras quedar sen temón

O cargueiro Xeral Eikborg, de bandeira neerlandesa, está a ser remolcado este venres ata...

Sanidade garante a atención aos usuarios de Povisa e abre unha investigación polas denuncias de falta de médicos

A Consellería de Sanidade reiterou este venres que os usuarios do hospital vigués Hospital...