En Vigo hai unha praia cunha diversidade de fauna e flora inigualable en calquera outro areal da urbe olívica: trátase da praia da Calzoa (tamén coñecida como praia das Barcas), na desembocadura do río Lagares, na parroquia de Coruxo, cunha lonxitude de 175 metros e un ancho de 35. É habitat vital para máis dun cento de aves diferentes que pasan por ela ao longo de todo o ano, moitas delas protexidas pola directiva europea. Conta cunha duna móbil costeira única nas súas características. E é tamén hábitat da lontra, un mamífero que cada vez se atopa en menor número na nosa comunidade. A pesares de todo isto, dende o Concello declarárona no ano 2017 como zona de esparcimento de cans, o que fai que hoxe por hoxe ducias de cans cada día focen e escarven na contorna da praia, o que está a danar terriblemente o ecosistema. O novo PXOM, a piques de ver a luz, non contempla a proteción desta área, polo que biólogos xa chamaron a atención sobre o asunto.
Un grupo de biólogos da Universidade de Vigo (UVigo) fixo un chamado urxente para conseguir unha protección ambiental real da praia presentando un escrito á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, cunhas suxestións para incorporar no PXOM, aínda sen estar aprobado, durante o período en que este plan foi exposto a participación pública. Como nos conta Ana Prado Comesaña, unha destas biólogas, “as nosas reivindicacións ían encamiñadas á praia da desembocadura do río Lagares, moi destacada no plan xeral precisamente polo seu valor medioambiental“. Ademais, o propio promotor no borrador do PXOM “tamén dicía que eran precisas actuacións de restauración ecolóxica da zona, para recuperar os hábitats que alí había“. Con todo, “logo na práctica viamos que non se estaba a facer ningunha actuación de protección, de aí que nos vísemos obrigados a presentar esas suxestións”, que foron encamiñadas á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, un organismo medioambiental da Xunta que é un dos encargados de revisar o borrador do PXOM antes de que proceder á súa aprobación definitiva.
“UN ENTORNO MOI RICO EN BIODIVERSIDADE, CON MÁIS DE 100 ESPECIES DE AVES”
Pero, máis en concreto, cal é a riqueza desta praia da Calzoa? “É unha praia diferente a calquera outra que haxa no concello de Vigo, precisamente porque nela desemboca o río Lagares, o máis importante que temos na cidade, e iso fai que sexa un entorno moi rico en biodiversidade, porque alí está a marisma da Xunqueira, un estuario (que une a marisma coa praia da desembocadura) e, como di o propio PXOM, nela hai máis de 100 especies de aves diferentes ao longo de todo o ano: migratorias, de paso ou sedentarias, as habituais”, explica a bióloga, que incide en que “nesta praia ademais das especies que son habituais do humidal (gaivotas, carráns, treros, gavitas…), tamén hai outras que a usan como lugar de alimentación e descanso“. Algunhas están catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE.
Entre as aves máis frecuentes na zona, Ana destaca as píllaras das dunas, os virapedras, os picapeixes, as garzotas ou as garzas reais, xunto aos mazaricos, que tamén había nun pasado. Como advirte, “moitas delas están catalogadas na Directiva 2009/147/CE, é dicir, que non só teñen que estar protexidas en espazos protexidos, senón que a especie en si está protexida se atope onde se atope“. E é que, neste caso, “nin a Calzoa nin a desembocadura do río Lagares teñen protección especial, pero que haxa nela estas especies de aves protexidas, como a píllara das dunas (en perigo de desaparición) fai que teña que estar especialmente protexida a zona“. De feito, apunta que “no propio PXOM se nomea a área como de distribución potencial da píllara das dunas e, pese a iso, non se ve que haxa ningunha actuación para protexer estas aves”.
Ademais, a bióloga tamén lembra que “como está preto o río Lagares, trátase dunha zona moi importante para a lontra, outro mamífero que está protexido e que usa moito a praia da Calzoa para desprazarse entre o mar e o río”. Este mamífero está protexido a nivel comunitario, incluído no Anexo II do Convenio de Berna e nos anexos II e IV da Directiva 92/43/CEE. E, por se isto fose pouco, tamén se atopa no areal unha duna móbil: “En Vigo temos a duna do Parque Nacional das Illas Atlánticas, na praia de Rodas; a duna do Vao, que ten o seu espazo natural de interese local; e, en terceiro lugar, temos esta duna da praia da Calzoa, á cal non se lle está a dar ningún tipo de protección especial”.
NO 2017 O CONCELLO DECLAROU A PRAIA ESPAZO DE ESPARCEMENTO CANINO
No 2017, de forma unilateral, o Concello de Vigo declarou por ordenanza municipal esta praia, de entre as 40 coas que conta o municipio, “precisamente esta que é a máis diversa e a máis rica”, espazo de esparcemento canino. Que esta praia sexa día tras día usada como lugar de paseo de cans “é o maior problema que temos, o maior impacto negativo que está a recibir o ecosistema”. “Non hai que ser un experto para darse conta de que nun espazo coma este, onde hai aves e lontras e mesmo unha duna, que haxa cans vai en detrimento dos seus valores naturais”, advirte Ana, que asegura que, “de feito, observamos dende o mesmo ano 2017 ata o 2018 un impacto medioambiental bestial, que nos deixou abraiados“. E, a pesares de que estes biólogos xa advertiron ao Concello de Vigo de que isto ía pasar, “ninguén nos fixo caso”.
E o problema xa non está en que os cans vaian cazar os animais, danalos ou matalos, senón que estes poden asustarse pola súa presenza e non volver. “Hai moitos artigos ao respecto de compañeiros que apoian as nosas reivindicacións que cuantifican que non é preciso que o can atrape á ave e a mate ou a dane, porque simplemente coa súa presenza as aves percíbeno como un predador e están constantemente voando, asustadas“, explica a bióloga, que lembra que “as píllaras ou os correlimos que vemos andando pola beira da praia son aves migratorias que precisan alimentarse e obter enerxía moi rápido para continuar a súa viaxe migratoria”.
“AS AVES ESTÁN MÁIS TEMPO GASTANDO ENERXÍA VOANDO QUE BUSCANDO ALIMENTO”
Hoxe por hoxe, en vez de recuperar enerxías na praia da Calzoa, gástanas. Ana asegura que “están máis tempo levantando o voo e gastando esa pouca enerxía que obteñen que facendo a súa función vital”. O que leva a que logo “emprendan a viaxe nunhas condicións malas, e ao chegar ás súas zonas de reprodución, tamén van chegar nunhas condicións que non son as óptimas”, plantexa a experta, que conclúe que todos estes factores derivan en que “estas especies vaian desaparecendo”. “Perder a Calzoa supuxo para estas aves perder todo este tramo, porque observamos que non só diminuiu o número de especies e individuos no areal en cuestión, senón tamén nas praias colindantes”, expón.
A Calzoa é o que en ecoloxía se coñece como ‘espazo fonte’, o que significa que “as especies que se atopan no Vao se atopen nel precisamente porque existe a desembocadura do Lagares e A Calzoa”. Por iso, adiantándose aos que poden dicir que estas aves teñen outras praias preto ás que ir, asegura que “o problema está en que non atopan outros sitios preto que teñan condicións tan axeitadas para a súa supervivencia como as que ten A Calzoa, pois noutras pódelles custar máis atopar alimento”. “En todos os informes que se facían sobre praias esta destacaba moi por enriba do resto deste tramo de costa, por esas condicións idóneas coas que conta para a lontra e as aves”, conclúe Ana.
“NON PEDIMOS NADA EXTRAORDINARIO, SÓ QUE SE CUMPRA A NORMATIVA”
Lamentablemente, este grupo de ecoloxistas, aínda que non quere perder a esperanza, asegura que “non estamos pedindo nada extraordinario”. Con todo, “non sabemos se podemos agardar algo das nosas peticións porque ao ler a declaración oficial nela non se nomea a praia da Calzoa para nada, incluso nun momento dado do documento din que o río Lagares desemboca na praia de Samil”. Ademais, Ana confía en que “nunca se sabe cal vai ser o funcionario ou o político que decida dunha vez facer o seu traballo e facer que neste espazo se cumpra a lexislación medioambiental”. “Non pedimos nada extraordinario: hai unhas especies protexidas, unhas normativas e ordenanzas municipias que din que non podes xogar á pelota a menos de 10 metros dunha duna nin miccionar na praia, e aquí isto transformouse nun areeiro para cans, pois o 99,9 % da xente ven á Calzoa a traer ao can a correr, defecar e ouriñar”, sentenza a bióloga.