InicioSucesosVigo, escenario dunha persecución de película de Hollywood

Vigo, escenario dunha persecución de película de Hollywood

Un condutor con antecedentes, sen carné e circulando de forma temeraria case atropela a varias persoas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron nas últimas horas a un condutor que circulaba sen carné, de forma temeraria, tras unha persecución por varias rúas do barrio do Calvario. Dáse a circunstancia de que o home, F.S.D., veciño de Pontevedra, ten antecedentes por varios delitos, entre eles por roubo de vehículos, e é un ‘vello coñecido’ das forzas de seguridade.

A detención produciuse na madrugada deste luns, cando unha dotación policial que pasaba pola Avenida Emilio Martínez Garrido atopouse cun condutor que, á vez que circulaba, estaba a manipular un teléfono móbil. Os policías deron o alto ao condutor e este freou e detívose pero, cando os axentes saíron do vehículo policial para dirixirse a el, este acelerou e emprendeu a marcha a gran velocidade.

Entón, iniciouse unha persecución polas rúas Martínez Garrido, Sagunto e pola zona peonil da rúa Urzáiz, no barrio do Calvario. Durante a súa fuxida, o condutor golpeou un vehículo do servizo municipal de limpeza, chegou a circular pola beirarrúa e chocou contra unha árbore, ademais de chocar tamén co coche da Policía.

Na rúa Urzáiz, estivo a piques de atropelar a unha parella, que tivo que refuxiarse rapidamente nunhas galerías, e finalmente, tivo que deterse ao quedar atrapado entre o vehículo policial e o vehículo de limpeza que estaba pola zona. Ao parar, o condutor tratou de fuxir á carreira e, cando estaba a ser perseguido polos axentes, detívose e comezou a facer movementos espasmódicos, coma se estivese a sufrir un ataque.

Os axentes puideron interceptalo e chamaron a unha ambulancia, que o trasladou ao hospital Álvaro Cunqueiro, xa en calidade de detido. A Policía puido comprobar que o home ten o permiso de conducir retirado por sentenza xudicial, e que non fixo o curso para recuperalo.

No coche no que fuxiu, e que presentaba numerosos danos (de feito, non podía circular), viaxaban outras dúas persoas, dúas mulleres, unha das cales é a titular do vehículo. Segundo relataron aos axentes, pediron insistentemente ao condutor que parase, e atendese os requirimentos dos axentes, ao que el fixo caso omiso.

ÚLTIMAS

Morre un home en Baiona tras ser rescatado da auga con síntomas de afogamento

Un home faleceu este martes no municipio pontevedrés de Baiona tras ser rescatado da...

Abel Caballero insiste en pedir a Facultade de Medicina e rexeita que Vigo sexa “unha colonia de Santiago”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en reclamar unha facultade de Medicina...

O comité de empresa do Concello de Vigo denuncia o mal estado das instalacións logo da caída dunha xanela

O comité de empresa e a xunta de persoal do Concello de Vigo denunciaron...

O acusado de violar unha muller mentres durmía queda exento de prisión

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulga este...