O conflito que afecta á concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, segue enquistado e sen visos de solución, tras unha nova reunión entre a empresa e o comité, que finalizou sen ningún avance. Segundo comunicaron os sindicatos, no encontro deste mércores “Vitrasa presentouse sen ningún tipo de oferta” e limitouse a expor “reproches e desacreditacións” cara ao comité, “do mesmo xeito que está a facer o Concello de Vigo nas últimas xornadas”.
O órgano de representación dos traballadores sinalou que a empresa “non acepta” o resultado das últimas asembleas, nas que o persoal votou maioritariamente continuar coa folga indefinida e rexeitar a proposta de negociar a partir dunha subida salarial do 2,5 %, cuestionando que se votou a man alzada, no canto de forma secreta. Ademais, os sindicatos afearon á concesionaria que pretenda “desautorizar” ao comité, cando leva “tres anos en conflito pola súa propia negativa a negociar”.
Na reunión deste mércores, o comité trasladou o desacordo do persoal coa última oferta presentada e advertiu de que, para desbloquear a situación de folga indefinida (un paro que se alonga desde o pasado 25 de novembro), é necesario que a oferta “sexa mellorada”. “Con todo, a dirección de Vitrasa limitouse a solicitar unha proposta ao comité sen ofrecer nada a cambio”, criticaron os sindicatos.
Segundo explicaron, reclamaron a Vitrasa “unha actualización de salarios no mesmo porcentaxe que obtivo a empresa coa subida do billete do bus no últimos tres anos, para pór fin así á folga e continuar negociando o resto do convenio”. Así, nos últimos tres anos, o billete ordinario de bus pasou de custar 1,35 a 1,49 euros (e en breve pasará a custar 1,57 euros), e os sindicatos estiman que a perda de poder adquisitivo do persoal sitúanse no 16,1 %, xa que levan cos salarios conxelados desde 2020.
Finalmente, o comité volveu a criticar que a empresa se atopa “cómoda” facturando miles viaxeiros “coa metade de gasto”, mentres espera “un reequilibrio millonario” por parte do Concello, sen importarlle a calidade do servizo ou a perda de poder adquisitivo do persoal. “Que fará o Concello ante esta situación de Vitrasa? Volverá criticar aos traballadores póndose á beira da empresa? Ou esixirá a Vitrasa sentar a negociar con vontade de chegar a acordos para pór fin a este conflito?”, preguntaron os representantes dos traballadores.
POSICIÓN DA EMPRESA
Pola súa banda, Vitrasa emitiu un comunicado no que informa de que volveu a pedir desconvocar a folga para recuperar a normalidade e así recuperar viaxeiros, “o único que permitiría mejroar a oferta realizada” porque os usuarios son a “base” dos seus ingresos. “O comité é consciente desta situación, pero prefire seguir adiante cos paros, prexudicando aos cidadáns, á empresa e aos seus propios compañeiros”, lamentou a concesionaria.
Así mesmo, criticou que a subida reclamada polos sindicatos, de máis do 16 %, é “absolutamente imposible de atender” por unha empresa que está “en perdas” e insistiu en que “fan reféns aos cidadáns de Vigo dunha protesta sen sentido” e sen valorar que teñen “as mellores condicións e o salario máis alto” do sector na provincia.
Vitrasa reiterou a súa oferta de subir os salarios un 2,5 % e o pago dos atrasos de 2023, para seguir negociando “sen folga” e lamentou que o comité aceptou este “preacordo” o pasado xoves “sen condicións” e non foi capaz de defendelo nas asembleas de traballadores, que o rexeitaron e apostaron por seguir coa folga. Respecto diso da votación, a empresa afirmou sentirse “enganada” polo cambio de posición do comité, e afirmou que non recoñece ese resultado, porque non se garantiu o “voto libre” e houbo “presións”.