InicioSociedadeAs mulleres, maioría na carreira de dereito, minoría no Tribunal Supremo e...

As mulleres, maioría na carreira de dereito, minoría no Tribunal Supremo e a Audencia Nacional

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Temos unha das leis de igualdade máis avanzadas de toda Europa e, polo contra, non estamos a avanzar todo o que se debería, por iso debemos preguntarnos que está pasando e, nese senso, estou convencida de que o principal problema é, precisamente, a falta de carácter imperativo e sancionador desta lei, unha lei que apela fundamentalmente ao voluntarismo, pero que non ten capacidade de sancionar nin de impor”.

Así de contundente se amosou esta mañá a presidenta do Consello Xeral da Avogacía, Victoria Ortega, na apertura da xornada “A Xustiza desde a perspectiva de xénero: cuestións pendentes”, celebrada na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, e á que asistiron máis de 150 persoas, fundamentalmente alumnado do centro, pero tamén un importante número de profesionais de Vigo e Pontevedra.

“Alguén se podería imaxinar que o Código Penal dixera algo así como que os españois procurarán non defraudar a facenda? A que non? Pois isto é o que está a pasar coa Lei de Igualdade, que sempre vai cun dobre verbo, procurará implementar, e aí está o problema, o verbo procurar sobra”, lamentou Ortega, primeira muller en situarse a fronte deste órgano xudicial, quen tamén fixo fincapé en que se ben agora algunhas comunidades autónomas están traballando en novos textos, na súa opinión non se precisan novos textos, senón “simplemente”, dotar de carácter imperativo e sancionador a lei actual.

Na súa intervención, titulada “Os teitos de cristal no exercicio da avogacía”, a representante dos letrados de toda España fixo un debuxo claro da situación da xustiza en España no que a perspectiva de xénero se refire.

Victoria Ortega, Lourdes Carballo e Elena Ocejo protagonizaron o panel dedicado a Muller e avogacía/ Duvi

Entre outros datos explicou que as mulleres son hoxe na carreira xudicial o 52,3%; hai 2858 xuízas e maxistradas; son tamén maioría na xustiza en todas as comunidades autónomas dentro do mundo da xustiza, excepto en Aragón, Murcia e Navarra e elas son tamén maioría en determinados ordes xudiciais: nos xulgados de primeira instancia, en menores, do penal, nos de violencia de xénero…

Polo contrario, no Tribunal Supremo e na Audiencia Nacional a súa presenza é minoritaria (27%), e o mesmo acontece nos órganos colexiados por debaixo do Tribunal Supremo.

“Todos temos gravada a fotografía que cada ano se fai da apertura do ano xudicial, coa presenza do xefe do Estado, e ano tras ano, son todos homes”, explicou Ortega, quen tamén lembrou que en corenta anos de democracia só houbo dúas ministras de Xustiza; unha presidenta do Tribunal Constitucional e dúas fiscais xerais do Estado.

“No que respecta á avogacía, no ano 2001 as mulleres eran o 33% dos avogados, hoxe o 48%, porcentaxe que se eleva ata o 53% se nos centramos só na franxa de idade inferior aos 35 anos”, recalcou a experta, ao que engadiu que outro bo indicador é o da xustiza gratuíta “un dos servizos públicos que mellor funciona neste país e no que o número de avogadas de oficio é do 48%, con 22.000 letradas, un 3% máis ca en 2016”.

Compartindo mesa con Victoria Ortega, estiveron tamén Elena Ocejo, presidenta da Asociación de Avogadas para a Igualdade, quen examinou en que medida se incorporou ou, no seu caso como se pode activar o enfoque de xénero na actuación letrada como ferramenta de cambio social, e tamén Lourdes Carballo, decana do Colexio de Avogados de Vigo, que exerceu de moderadora deste primeiro panel das xornadas.

Dirixidas pola profesora María Antonia Arias e coordinadas polo profesor Ángel Aday Jiménez, a organización destas xornadas, patrocinadas pola Unidade de Igualdade, xurde da convicción de ambos docentes da necesidade de formar profesionais do dereito e das relacións laborais capaces de traballar con perspectiva de xénero.

“Tratamos que sexa unha cuestión que estea sempre presente, tanto nos estudos de grao como nos de posgrao, ao mesmo tempo que se aborda unha materia de máxima actualidade xurídica, política e social”, explica Arias, ao que o seu compañeiro engade que “nesta ocasión observamos unha demanda por parte do noso alumnado de coñecer de primeira man a que retos se están enfrontando aquelas e aqueles que traballan no ámbito da xustiza en materia de igualdade entre homes e mulleres e penso que acertamos dado o elevado número de persoas que se inscribiron”.

“Queriamos que os diferentes colectivos que compoñen o ámbito da Xustiza estivesen representados mediante profesionais que estean implicadas directamente na solución das múltiples cuestións pendentes que a Xustiza aínda ha de resolver en relación coa igualdade entre mulleres e homes”, recalcou a directora das xornadas.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...