A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que condena a Miguel Anxo G.M. a 14 anos de cárcere como autor do asasinato do seu veciño de habitación nun hostal de Mondariz, en xaneiro de 2021, e na que tivo en conta as circunstancias atenuantes de alteración psíquica e confesión tardía. O acusado xa foi declarado culpable por unanimidade polo tribunal de xurado, que considerou acreditado que, entre a tarde do 17 de xaneiro e a noite do 18 de xaneiro de 2021, Miguel Anxo matou a José Luís F.F., usando un coitelo comprado nun bazar de Ponteareas uns días antes, e co que lle ocasionou “entre 80 e 90” feridas por todo o corpo.
Entre acusado e vítima existía unha mala relación, xa que o falecido recrimináralle varias veces que non o deixaba descansar cos ruídos que facía. De feito, José Luís trasladara estas queixas á xerencia do hostal e pedira un cambio de habitación; así mesmo trasladou aos seus achegados o seu “temor” polas ameazas do acusado, que lle advertiu de que o ía a “pasar pola pedra”. Tras acoitelalo ata a morte na súa habitación do hostal, o acusado trasladou o corpo ata un anexo do edificio, onde “o deixou tirado” e onde foi localizado o 22 de xaneiro pola Garda Civil.
CONFESIÓN
No xuízo celebrado contra el, Miguel Anxo G.M. recoñeceu os feitos que se lle imputaban e negouse a declarar. De feito, nin sequera quixo facer uso do seu dereito á última palabra. Agora, a Audiencia Provincial ditou sentenza impondo a condena que solicitaban tanto a Fiscalía como a acusación particular (que exerceu a familia da vítima), e á que se acabou adherindo a defensa tras o veredicto de culpabilidade.
A propia confesión do procesado, así como os testemuños das testemuñas e peritos forenses levaron ao xurado ao veredicto de culpabilidade e a Audiencia reflicte na súa sentenza que, todos eses datos, xunto á entidade das lesións que presentaba a vítima, levan a inferir que existiu a intención de matar. Por tanto, existiu aleivosía, a vítima non tivo ningunha oportunidade de repeler a “arremetida imprevisible” e o ocorrido foi un asasinato.
Con respecto ás atenuantes, na sentenza exponse que o acusado, ao comezo da vista recoñeceu os feitos “para colaborar coa Xustiza”. Así mesmo, quedou acreditado que a súa enfermidade (esquizofrenia paranoide) puido diminuír parcialmente a súa capacidade volitiva, aínda que non influíse na súa capacidade intelectiva. Ademais da pena de prisión, a sentenza establece que Miguel Anxo G.M. non poderá achegarse nin comunicarse cos familiares da vítima durante un período de 19 anos. A resolución non é firme e contra ela cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).