O astrónomo Martin Pawley é coordinador do Grupo de traballo de Contaminación Luminosa da Agrupación Astronómica coruñesa Ío. Con el falamos dun tema que non aparece a miúdo na axenda mediática: a contaminación lumínica.
Moi necesario tralo anuncio da inversión case millonaria que fará o Concello de Vigo este ano para celebrar o Nadal, mais o anuncio desas luces que serán vistas desde o espazo, segundo asegura o alcalde da cidade. E das estrelas, que foi?
P- A preocupación polo medio ambiente está a crecer pouco a pouco na nosa sociedade. Mais, está de acordo en que a contaminación lumínica é un aspecto descoñecido ao que non se lle presta demasiada atención, sempre por detrás doutras formas de alterar o do medio, entendida como unha pseudo-contaminación máis estética (o non ver as estrelas) que real?
R- Si, está claro que a contaminación luminosa non está aínda suficientemente presente nos debates públicos nin na axenda dos grupos sociais e políticos.
Non calou aínda que a luz artificial é un axente contaminante e que o seu uso debe estar condicionado por esa idea e, en consecuencia, promover a utilización mesurada e prudente da luz artificial pola noite. Isto é, só onde se necesita, na cantidade necesaria (nunca máis) e co espectro de cor axeitado.
Con todo, tamén é evidente que o sintagma “contaminación luminosa” escoitámolo hoxe moito máis que hai cinco anos e iso é realmente satisfactorio e estimulante na loita contra este grave problema.
P- Defende que, en realidade, a contaminación lumínica tamén afecta aos hábitos de sono, a secreción de hormanas, ou a saúde mental das persoas, entre outros aspectos que poida engandir?
R- Primeiro é importante precisar que entendemos por “contaminación luminosa”, que no esencial é calquera efecto negativo asociado á luz artificial. A introdución de luz artificial pola noite supón unha alteración das condicións ambientais naturais nocturnas, ás cales se adaptaron evolutivamente todas as especies vivas.
No caso humano, hoxe sabemos que a detección de luz por unhas células da retina que hai vinte anos non se coñecían desempeña un papel decisivo na regulación do ritmo circadiano, que determina as variacións ao longo do día de moitas variábeis fisiolóxicas, desde a temperatura do corpo até o sono ou a produción hormonal.
Somos animais diúrnos e hai moitos parámetros vitais que non se comportan igual de día que de noite, mais para iso é preciso termos un contraste claro entre o día, que debe ser luminoso, e a noite, que debe ser escura.
Hoxe sobreiluminamos a noite e tendemos a pasar o día pechados entre catro paredes. No caso da sobreiluminación da noite, a crecente presenza de pantallas é un factor adicional a ter en conta.
“É IMPRESCINDIBLE A COLABORACIÓN CIDADÁ PARA EVITAR MALAS PRÁCTICAS NO USO DA LUZ”
Porque no que atinxe á relación entre luz e saúde o problema principal está dentro das casas. Non é boa idea usarmos luz branca a esgalla no noso cuarto, nin é boa idea ir á cama co móbil, ou quedar durmido co ollo pegado ao ordenador ou a televisión.
Isto non quita que a sobreiluminación xeral das rúas non sexa un problema a eliminar, en particular a intrusión luminosa nos fogares: moitas instalacións luminosas invaden o interior das casas impedindo esa necesaria escuridade que o noso corpo precisa polas noites.
O catedrático de Fisioloxía Humana da Universidade de Cantabria Emilio Sánchez Barceló publicou o ano pasado un libro excelente sobre luz e saúde, “Hicimos la luz… y perdimos la noche”.
P- “Á luz” de noticias como a das instalacións luminosas de Nadal en Vigo, estamos caendo nunha competición por ver quen ilumina máis? Estamos a esquecer os perigos dunha “sobre-iluminación”, posibilidade que nin se quera se ten en conta en moitas ocasións?
R- Quero pensar que esa clase de excentricidades son casos illados de persoas que non pensan ben o que din e o que fan. En parte pola crise, houbo un certo pudor nos últimos anos á hora de evitar excesos que noutrora eran máis frecuentes.
Mais non hai que baixar a garda nunca e é imprescindíbel a colaboración cidadá para reclamar boas prácticas tamén neste campo. O gasto de iluminación nos concellos galegos é unha parte moi significativa nas contas anuais; cidades como A Coruña ou Vigo gastan máis de tres millóns de euros ao ano nesa partida e é evidente -e non só polo Nadal- que unha parte notábel dese esforzo enerxético podería aforrarse sen redución algunha da calidade de vida dos veciños.
“O GASTO EN ILUMINACIÓN POR HABITANTE EN ALEMAÑA É MOI, MOI INFERIOR AO DE ESPAÑA”
Non pretendemos voltar á Idade Media, o que formulamos é un uso racional da iluminación. Non ten sentido ter prendidas as luces cando hai luz natural abondo. Non ten sentido multiplicar a intensidade da luz empregada, cando a partir do nivel preciso para facilitar o tránsito de persoas e vehículos todo o que hai de máis xera unha arañeira de luz que pode ser mesmo contraproducente.
Non ten sentido iluminar por igual ás dez da noite que ás catro da mañá (de feito, o regulamento vixente esixe expresamente que haxa niveis diferenciados de luz segundo as horas).
Non ten sentido manter esaxeradamente iluminados lugares que non teñen tránsito polas noites, caso de certos parques, zonas deportivas, estradas… Hai moitas e boas ideas a imitar.
O gasto en iluminación por habitante na Alemaña é moi, moi inferior ao de España e non parece que lles vaia mal. Podería España aforrar algo deses mil millóns anuais que gasta en iluminar a noite?
Podería, abofé que si: uns cantos centos de millóns. E iso sucedería concello por concello. Falamos de moitos miles de euros cada ano en concellos pequenos, afogados a miúdo pola factura eléctrica. Na Coruña e Vigo, aforrar só un 30% representaría liberar un millón de euros para outras necesidades.
P- Cada xeración de galegos está a iluminar máis que a anterior. Ata cando continuará esta progresión? Terminaremos por establecer algún tipo de freo á luz artificial?
R- Terminará, con certeza, porque o impacto negativo é evidente en moitos campos. Se alguén nos dixera hai trinta anos que algún día estaría prohibido fumar nos bares, pensaríamos que estaba tolo.
Hoxe ninguén cuestiona o perigo do tabaco e a necesidade de regular o seu consumo. Tamén ninguén cuestiona a necesidade de controlar a contaminación en calquera das súas formas, pois xa somos conscientes de que o medio natural non o atura todo. Pasará o mesmo coa contaminación luminosa e non tardaremos en velo.
P- Ademais de para os humanos, é a contaminación lumínica un perigoso desestabilizador para as especies vexetais e animais, ou para a mesma biodiversidade? É algo xa demostrado cientificamente?
R- É importante decatarse, para empezar, de que a luz non se detén ante os límites xeográficos dun concello, avanza e espállase ducias e ducias de quilómetros. Por exemplo, a contaminación luminosa de Madrid chega a detectarse en fotografías tomadas nos Pireneos.
“O EFECTO NEGATIVO DA LUZ ARTIFICIAL ESTÁ MOI ESTUDADO”
Tamén é necesario darse conta de que niveis de luz que son mínimos ou mesmo indetectábeis para os seres humanos poden ser problemáticos para moitas outras especies. Para un becho que vive entre o mato dun bosque, afeito á que a maior cantidade de luz pola noite na súa contorna sexa a pouca que lle chega da Lúa cando a hai, unha cantidade minúscula de luz artificial é total e radicalmente invasora.
O efecto negativo da luz artificial está moi estudado. Sobre aves, morcegos, insectos, tartarugas, ratos, anfibios… mais tamén os corais no medio do océano, a moitos quilómetros da costa.
O impacto vese nas árbores dos parques, que poden perder a folla máis tarde do debido ou florear antes de tempo por efecto de estar expostos a 24 horas diarias de luz. Para calquera persoa interesada é moi recomendábel a lectura dos traballos de Travis Longcore, do servizo de Parques Nacionais dos EEUU, por exemplo “Artificial Night Lighting and Protected Lands”, que está dispoñíbel en liña.
P- Corren perigo as Illas Cíes, tendo en conta a súa proximidade a Vigo, pola cantidade de luz artificial que se empregará este Nadal (e o anterior, e seguramente os seguintes) na cidade?
R- Iso depende, para empezar, do que se entenda por “correr perigo”. Hai estudos en marcha sobre o impacto concreto da contaminación luminosa en áreas naturais de singular valor que seguramente acabarán dándonos información moi valiosa sobre o estado da cuestión.
O máis importante, realmente, é termos claro que o problema da contaminación luminosa só se pode resolver se se afronta con perspectiva de país, cun compromiso claro do conxunto da sociedade.
De pouco serviría marcar medidas específicas de protección do Parque Nacional das Illas Atlánticas se enfronte os concellos da costa non tivesen ningún coidado ambiental. E iso vale para toda Galiza.
“A LUZ NON É INOCUA, É UN AXENTE CONTAMINANTE QUE HAI QUE UTILIZAR CON MESURA”
A luz emitida por un concello invade os concellos da súa contorna e tamén outros a moita distancia; hai un fluxo cruzado de emisións de luz no que case ninguén está libre de pecado.
A protección contra a contaminación luminosa dunha reserva natural non pasa só por regular a iluminación nese espazo, senón tamén por conseguir que os concellos que contaminan, estean onde estean, se comprometan a reducir as súas emisións.
P- Que opinan, en definitiva, das políticas de emprego de luz artificial por parte do Concello de Vigo? Xeneran máis comercio, “alegran” á xente e teñen algún outro tipo de xustificación, ou pola contra son dañinas?
R- Convén recordar que para crear ambiente festivo a luz non é a única alternativa; é doado pensar en accións relacionadas coa cultura (música, artes escénicas etc) cun grande potencial para crear animación nas rúas.
O problema da iluminación de Nadal de Vigo ou de calquera outro uso imprudente da luz artificial non é tanto a iluminación en si como a mensaxe que se lle transmite á cidadanía: díselle que a luz é “divertida” e inocua.
Non o é, a luz artificial é un axente contaminante e como calquera outro axente contaminante debe ser empregado con mesura. Con esa perspectiva, hai que estudar con calma a súa necesidade, onde, cando e por que se emprega.