InicioSociedadeUn mozo vigués acepta pagar 765 euros de multa por acosar e...

Un mozo vigués acepta pagar 765 euros de multa por acosar e ameazar durante meses a unha excompañeira de academia

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xuízo sinalado para este mércores na sala do Penal 2 de Vigo contra un mozo de 21 anos de idade, acusado de hostigar, acosar e ameazar de morte a unha excompañeira de academia, saldouse cun acordo de conformidade, polo que o procesado recoñece os feitos e acepta penas de multa que suman 765 euros, ademais da prohibición de achegarse a menos de 200 metros da vítima ou comunicarse con ela por un período de dous anos, e unha indemnización de 3.000 euros.

A Fiscalía pedía inicialmente penas de prisión e multas (por un total de 4.140 euros), ademais de 5.000 euros de responsabilidade civil. Finalmente, na sesión de conformidade, o mozo recoñeceu os feitos e aceptou a rebaixa de condena, que queda en multas que suman 765 euros, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima e a indemnización, todo iso por un delito de acoso, un delito continuado de quebrantamento de medida e un delito continuado leve de ameazas.

Na imposición de condena, que xa é firme e non se pode recorrer, aplicáronse as atenuantes de reparación do dano e de anomalía psíquica, xa que o mozo ten diagnosticado un trastorno de déficit de atención, con antecedentes por trastorno obsesivo compulsivo, que minguaban lixeiramente a súa vontade no momento dos feitos.

Segundo se recolle no escrito de acusación pública, os feitos ocorreron a partir de maio de 2021. Meses antes, o acusado e a vítima coñecéronse nunha academia de estudos e el tentou iniciar unha relación afectiva con ela sen conseguilo.

A partir do momento en que a moza quixo cortar o contacto co acusado, este comezou a hostigarla chamando constantemente por teléfono tanto á vítima como ás súas amigas. Cando a moza o bloqueou no móbil e nas redes sociais, o mozo seguiu chamando mediante un número oculto, de maneira que a moza tivo que cambiar o seu número de teléfono.

Ao longo dos meses, o acusado non só seguiu acosando á moza (que se trasladou por estudos a Ourense) e á súa contorna, senón que chegou mesmo a enviar mensaxes á nai da prexudicada e ás súas amigas, con ameazas directas (“vouna a estrangular cun arame de espiño”, “voulle a partir a cara dunha hostia”, “pensei en abrirlle a cabeza cunha pedra”, “vou violar á puta da túa filla”…) para amedrentar á nova.

En total, a moza e a súa contorna recibiron neses meses centos de chamadas e mensaxes, e a vítima tivo que cambiar de número de móbil dúas veces, ademais de recibir tratamento psicolóxico.

ÚLTIMAS

O Marisquiño cambia o percorrido do seu descenso urbano, que acabará no Centro Comercial A Laxe

O festival da cultura urbana O Marisquiño anunciou este xoves un cambio de percorrido...

Cortado un carril da A-55 tras o incendio nun camión portavehículos en Tui

Axentes da Garda Civil de Tráfico procederon a cortar o carril dereito da A-55 en...

O Tribunal Supremo non admite o recurso do Concello de Vigo polo cobro de 1,1 millóns por parte da Xunta

O Tribunal Supremo ditou un auto no que inadmite o recurso de casación presentado...

Sanitarios de Vigo piden “tolerancia cero” contra a violencia no PAC ao ser “punto negro” de ataques

Profesionais sanitarios da área de Vigo volveron a concentrarse este xoves para esixir "tolerancia...