InicioPolíticaPrórroga do PXOM vigués, con avisos da oposición sobre inseguridade xurídica

Prórroga do PXOM vigués, con avisos da oposición sobre inseguridade xurídica

O goberno local defende manter a ordenación provisional, mentres PP e BNG alertan de posibles problemas coas licenzas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, co voto favorable do grupo de goberno (PSOE), a abstención do PP e o voto contrario do BNG, a ampliación do prazo para a aprobación provisional do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que levará a prorrogar automaticamente a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional en tres meses.

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, foi a encargada de defender esta proposta, que xustificou para que os cidadáns teñan seguridade xurídica nos seus proxectos, e que amparou nun informe do secretario municipal, que recoñece que esa ampliación é legal (aínda que advirte de posibles consecuencias negativas).

A edila socialista insistiu en que o Concello non puido cumprir os prazos por “circunstancias alleas” á propia administración municipal, como foi a suspensión de prazos administrativos polo COVID, ou o atraso da Xunta en emitir os seus informes preceptivos.

Por outra banda, recalcou que a ordenación provisional permitiu que 780 proxectos puidesen materializarse, a maior parte deles vivendas unifamiliares construídas en parroquias da cidade.

INSEGURIDADE XURÍDICA

Pola súa banda, os grupos da oposición advertiron da situación de inseguridade xurídica que se pode expor cando, a mediados de outubro, decaia a suspensión de licenzas e se comece a outorgar con arranxo á ordenación provisional, que non coincidirá coa normativa que entre en vigor coa novo PXOM.

A portavoz do PP, Marta Fernández-Tapias, criticou que o goberno local fale de demoras dos informes da Xunta, cando ditos informes “ían e viñan” entre ambas as adminitracións porque o Concello “non cumpría” os requirimentos que se lle facían. “Hoxe recoñecen a súa incapacidade de aprobar unha PXOM en catro anos”, proclamou, e lembrou que foi precisamente Caride, como conselleira, a que bloqueou a PXOM de Vigo en 2006 e a que logo lle deu luz verde, cando o PSOE chegou ao goberno local, un plan que foi anulado polo Supremo en 2015.

Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, censurou as “dilacións interesadas” na tramitación da PXOM por parte do goberno local, para evitar a súa aprobación provisional antes das eleccións municipais de maio. Así mesmo, criticou que o goberno socialista de Vigo optase pola ampliación de prazos e por manter a ordenación a pesar das advertencias do secretario municipal, de que se producirá unha “situación anómala” cando se outorguen licenzas que, co novo PXOM, “non serán legais”, alertou Pérez Igrexas.

“ACTUALIZACIÓN” DE IMPOSTOS MUNICIPAIS

Por outra banda, o pleno de Vigo deu este luns luz verde, co voto negativo da oposición, á “actualización” de impostos e taxas municipais, que aumentarán nun 4 % no exercicio de 2024.

ÚLTIMAS

Investigan o atropelo mortal a un home de 33 anos na AP-9 en Vigo

A Garda Civil investiga o atropelo mortal a un home de 33 anos, veciño...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...

Rouban 100.000 euros en xoias nun chalé de Vigo

A Policía Nacional abriu unha investigación para esclarecer un asalto a un chalé de Vigo, do que...