O BNG trasladou este venres o seu “total apoio” aos traballadores do estaleiro vigués Metalships, que levan desde o pasado luns en folga indefinida para denunciar o “desmantelamento” da empresa e o despedimento de decenas de operarios nos últimos anos, e anunciou a presentación dunha proposición non de lei no Parlamento autonómico para urxir á Xunta que se implique para manter a actividade neste estaleiro e para elaborar un plan industrial para o sector naval.
Así o explicou a deputada nacionalista Carmela González, tras manter un encontro con representantes do comité de persoal de Metalships, no que tamén estivo o portavoz do grupo municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.
Segundo lembrou Carmela González, nos últimos anos produciuse o despedimento dunha trintena de operarios en Metalships, co “agravante” de que cinco deles son membros do comité de persoal, o que fai pensar que “hai unha persecución ou, polo menos, unha ameaza ao sindicalismo”.
A empresa, explicou, atravesa unha complicada situación por falta de carga de traballo, coa súa actividade reducida á reparación, e arrastrando perdas desde hai anos. Ademais, os anuncios da empresa, sobre supostos novos contratos e investimentos que logo non se concretan provocan “incerteza” no persoal.
A deputada do BNG engadiu que a “situación preocupante” de Metalships súmase ao Estaleiro San Enrique (antiga Vulcano), e sinalou que ambos os estaleiro teñen parte das súas instalacións en terreo de dominio público e “levan anos sen construír barcos”.
“CRISE” DO NAVAL
“O naval atravesa unha grave crise, hai continuos vaivéns pola falta de compromiso por parte do Estado e da Xunta con plans industriais”, proclamou, á vez que incidiu en que a construción e reparación naval é unha actividade “estratéxica” na ría de Vigo.
Por iso, o BNG presentará unha PNL na comisión de industria do Parlamento para que a Xunta promova as accións necesarias para manter a actividade e o emprego en Metalships; e para que elabore un plan industrial e financeiro “que garanta un horizonte de estabilidade no sector”.