InicioPolíticaAcusan de "caciquismo" ao goberno vigúes: cartos públicos para premiar "os que...

Acusan de “caciquismo” ao goberno vigúes: cartos públicos para premiar “os que non pensan diferente”

PUBLICADO O

- Advertisement -

Esta mañá o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, iniciou unha rolda de contactos con colectivos e organizacións sociais da cidade para “escoitar de maneira activa as súas opinións e demandas”. O primeiro encontro realizouno, acompañado do responsábel local do BNG, Serafín Otero, coa Comisión Permanente da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” (FAVEC).

A xuntanza, de noventa minutos, na que participou a presidenta da FAVEC, María Pérez, tivo lugar na sede da Federación. “Trasladeille á Comisión Permanente da FAVEC o apoio do BNG ao conxunto do movemento veciñal de Vigo. Sen participación non pode haber democracia, e as asociacións veciñais son espazos plurais e abertos para que as viguesas e os vigueses participen”, explicou o candidato ao remate do encontro.

Pérez Igrexas puxo en valor o papel da Federación Veciñal como “voz dos barrios”. Nese sentido, enfatizou que “o BNG sempre respeitamos a independencia da FAVEC, garantida pola pluralidade que convive no movemento veciñal, e recoñeceremos sempre o seu papel como interlocutor dos barrios e parroquias. Onte, hoxe e sempre. Coincidamos ou discrepemos. Con esta directiva ou con calquera outra”.

“No movemento veciñal a primeira e máis importante lección que aprendín foi a de escoitar. Sobre todo a de escoitar a quen pensa diferente. Iso é o que fai falla nesta cidade. Escoitar para sumar”, afirmou Igrexas.

Barrio vigués de Ribadavia / Miguel Nuñez

Na reunión, o candidato nacionalista puxo en común coa dirección do colectivo veciñal a súa preocupación polo “patente abandono” dos barrios e das parroquias. “Vemos como hai viais e camiños abandonados, como o mato medra sen control, como segue a haber importantes deficiencias en subministros básicos, ou como en moitos barrios padecen un transporte urbano de terceira división“, explicou Igrexas.

Por outra parte, denunciou tamén “o importante déficit dotacional que seguen a sufrir moitas zonas da cidade, en materia de infraestruturas, pero tamén de dotación culturais, deportivas ou de esparcemento, ademais de ser evidente a falta de atención da grave situación de emerxencia social que padecen millares de viguesas e vigueses”.

“Dixémolo diante do escándalo indecente das luces de nadal. Os cartos das viguesas e vigueses ten que dedicarse a atender os seus problemas e necesidades, non en circo”, remachou.

Por outra parte, o candidato do Bloque cualificou de “inaceptábel” o uso “caciquil” que o Goberno municipal fai dos recursos públicos. “É absolutamente inaceptábel utilizar o diñeiro público para premiar os colectivos que aplauden o goberno e castigar, e mesmo tentar afogar economicamente, a quen discrepa ou opina diferente. Iso é política caciquil pura e dura”, denunciou.

Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.
Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.

ÚLTIMAS

Vigo presenta o seu Entroido 2026 coa orquestra París de Noia e o desfile de comparsas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este luns a programación municipal para as...

Detido o cuarto integrante do grupo que asaltou e golpeou a un nonaxenario en Coruxo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron a un home, cuarto integrante...

A Audiencia desestima o recurso dos comuneiros de Cabral pola propiedade dunha vivenda

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, desestimou un...

O PSOE de Vigo rexeita debater o cesamento da concelleira de Seguridade pola causa do ‘Saltamontes’

O PSOE de Vigo rexeitou este luns debater no pleno municipal dúas mocións de...