InicioSen categorizarA "folga histórica" dos profesionais médicos obriga a suspender unha de cada...

A “folga histórica” dos profesionais médicos obriga a suspender unha de cada catro cirurxías

Entre as reivindicacións que motivan este paro, que non secunda ningunha outra organización, están a xornada de 35 horas semanais, a recuperación de tres días de descanso e a posibilidade de que poidan cobrar o complemento específico os profesionais que exercen no Sergas e na privada.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os hospitais de Vigo, Lugo e Ourense celebraron na mañá deste martes senllas concentracións con centos de facultativos no marco da primeira xornada da folga convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para pedir á Consellería de Sanidade que “inicie as negociacións” porque, ata o momento, todo foi “un paripé”.

Así o defenden, en declaracións a Europa Press, diferentes delegados sindicais da organización que convoca en solitario estes paros, que insisten na súa “man tendida” aos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para acabar cunhas condicións laborais que son “obxectivamente peores” que noutras comunidades autónomas.

A primeira protesta relacionada coa folga tivo lugar ás portas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, con máis dun centenar de traballadores. O delegado de CESM, Enrique Fernández, celebrou a “importante” participación alcanzada, segundo as primeiras estimacións ofrecidas polo sindicato: preto do 100% en Cardioloxía, o 85% en Pediatría e o 80% de Anestesia, entre outras.

Os médicos internos residentes (MIR) tamén están a secundar a folga “masivamente” porque “son eles os que van sufrir as condicións laborais dos próximos 35 anos”. De feito, Fernández advirte que as xubilacións que se aveciñan pon de manifesto que “vai facer falta facultativos” e que vai haber “competencia” entre as distintas comunidades autónomas para reter aos profesionais recentemente formados. Neste contexto, denuncia que a política de recursos humanos do Sergas é “cortoplacista e miope”.

“Estamos a desexar sentarnos a negociar de verdade, non como o que houbo ata agora, que foron todo xeneralidades e vaguedades. Non ofreceron nada ata o mércores (pasado)”, explica o delegado de CESM desde a concentración no Cunqueiro, para afear que nos 40 días que deron á Consellería desde que anunciaron a folga, só trasladasen algunha proposta “a semana anterior”.

Entre as reivindicacións que motivan este paro, que non secunda ningunha outra organización, tampouco as que están representadas na Mesa Sectorial do Sergas (CIG, CCOO, UGT, CSIF e Satse), están a xornada de 35 horas semanais, a recuperación de tres días de descanso retirados como consecuencia da crise de 2008, os días 24 e 31 de decembro como moscosos e a posibilidade de que poidan cobrar o complemento específico os profesionais que exercen no Sergas e na privada.

CONCENTRACIÓN E FOLGA EN OURENSE

Pola súa banda, desde a concentración no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o delegado de CESM, Alberto Escobar, insiste na “man tendida” que teñen á Consellería para que “inicie a negociacion co mellor sentido construtivo”, posto que ata agora tivo “pouca vontade política”.

No CHUO, estima que o seguimento da folga durante a primeira xornada “foi masivo”. Segundo as súas cifras, o 60% das consultas quedaron aprazadas e, de 16 quirófanos que hai en total no hospital, “10 non funcionaron” e só seis estaban operativos e por servizos mínimos.

ÚLTIMAS

GKN Vigo e o comité pactan retirar o ERE a cambio de ampliar a flexibilidade da xornada

GKN Driveline Vigo e o comité de empresa alcanzaron un preacordo para a retirada...

O BNG esixe retirar o Plan de Igualdade de Vigo por falta de consenso e un atraso de 14 anos

O grupo municipal do BNG en Vigo pediu a retirada da proposta do V...

Uruguai rescinde o contrato con Cardama por “incumprimentos graves” e anuncia accións xudiciais

O presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, anunciou que o seu Goberno rescindiu o contrato...

Concello e Zona Franca blindan o futuro de Balaídos coa prórroga da bancada de Río ata 2080

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado de Zona Franca, David Regades,...