Conduce posta de cocaína pola Travesía de Vigo un coche roubado, golpea a policía e é detida

Rúa Aragón, paralela á Travesía de Vigo / Quehacerenvigo.com

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a tres veciños da cidade, unha muller de 34 anos de idade e dous homes, de 33 e 50 anos respectivamente, que foron sorprendidos circulando nun vehículo roubado.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste venres, cando unha patrulla se cruzou, na rúa Travesía de Vigo, cun turismo que circulaba coas luces apagadas. Cando o coche se cruzou coa patrulla, a condutora acelerou dirixíndose cara o Calexón do Viso.

Os axentes, despois de comprobar a matrícula e constatar que o coche figuraba como roubado o día antes no Porriño, cambiaron o sentido da súa marcha para interceptar ao coche. Cando estiveron á súa altura nese calexón, un dos axentes achegouse ao vehículo dando instrucións á condutora para que apagara o motor e baixara.

A muller, facendo caso omiso, iniciou a marcha e chegou a golpear ao axente co espello retrovisor. Non obstante, non puido chegar lonxe porque o outro axente da Policía Local interceptouna.

Ao identificar á condutora, os funcionarios decatáronse de que presentaba síntomas de estar baixo os efectos dalgunha substancia tóxica. Así, ao realizarlle a proba, esta arroxou resultado positivo para cocaína e opiáceos e, ademais, a un dos seus acompañantes intervíuselle cocaína que levaba nunha bolsa.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here