InicioMedio Ambiente e PatrimonioAs augas frías e os moluscos como o mexillón, especialmente vulnerables ao...

As augas frías e os moluscos como o mexillón, especialmente vulnerables ao cambio climático

O Instituto de Investigacións Mariñas está a estudar o pH da Ría de Vigo

PUBLICADO O

Considerada unha das principais ameazas para os ecosistemas mariños, a acidificación oceánica, diminución do nivel de pH das augas debido á incorporación do CO2 da atmosfera, e o seu impacto nos ecosistemas da plataforma ibérica e das rías galegas constitúen o eixo central do proxecto A.Rios.

Este proxecto é coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), coa participación de investigadores e investigadoras do Grupo de Oceanografía Física da Universidade e da ECIMAT.

Baixo a coordinación do investigador da Universidade de Vigo Ramiro A. Varela, un dos subproxectos desta investigación financiada polo programa estatal Retos da Sociedade 2016 abrangue a realización da primeira serie de medicións autónomas de pH en augas galegas, a través dun sensor SAMI-pH que se atopa fondeado na ría de Vigo e que permite obter medicións de elevada precisión da acidificación das augas cada 30 minutos.

Segundo explica Jose González, un dos investigadores da Universidade de Vigo participantes neste estudo, as primeiras probas con este sensor leváronse a cabo no verán de 2017 nas instalacións da Ecimat.

Sensor de pH (SAMI-pH) co que se realizou a primeira serie de medidas autónomas de pH na ría de Vigo / Duvi

“Durante un período de dous meses estivéronse tomando mostras en paralelo para a determinación do pH, o que permitiu validar as medidas obtidas”, para posteriormente, engade, levar a cabo o outono pasado o fondeo deste sensor “na estación central da ría, a uns 40 metros de profundidade”.

O sensor, “capaz de realizar medidas de pH de maneira autónoma cunha precisión de 0,001 unidades de pH”, permanecerá fondeado neste punto durante todo o transcurso do proxecto de investigación, coa excepción dunha serie de mantementos periódicos cada dous ou tres meses, permitindo así levar a cabo a primeira serie autónoma de medidas de pH nas costas galegas.

Efectos sobre o mexillón

Consistente nun aumento dos ións H+ debido á incorporación do CO2, a acidificación oceánica está a ter uns efectos prexudiciais nos océanos, “afectando directamente” aos organismos que empregan o carbonato cálcico (CaCO3) para crear “as súas cunchas, esqueletos externos ou estruturas de soporte”, como moluscos, crustáceos ou corais.

Os prognósticos actuais indican que o océano seguirá absorbendo máis CO2, incluso a maior escala que ata agora, o que supón unha ameaza para todos os ecosistemas mariños, aínda que se prognostica que o seu impacto será máis inminente nos ecosistemas de augas frías e naquelas afectados polo afloramento, como é o caso das rías”, salienta González nun artigo.

Por ese motivo, o proxecto Acidificación nas rías e plataforma oceánica ibérica: observación seguimento e modelado (A.Rios), que rende homenaxe co seu nome á oceanógrafa Aida Rios e que coordina o investigador do Instituto Oceanográfico Fiz F. Pérez, ten como reto a xeración de “ferramentas clave para a avaliación do impacto da acidificación oceánica”.

Sitúa entre os seus campos de traballo “a optimización da observación da acidificación oceánica, a modelización de escenarios climáticos da acidificación na conca ibérica, na plataforma continental e nas Rías Baixas, así como a avaliación do posible impacto no cultivo do mexillón pola combinación da acidificación con outros factores ambientais”, explica González.

Con ese propósito, o proxecto reúne a investigadores con experiencia na observación da acidificación oceánica no Atlántico xunto a “experimentados modeladores da dinámica e a bioxeoquímica costeira e oceánica” e a expertos e expertas na fisioloxía dos bivalvos, co propósito de desenvolver “unha plataforma de coñecemento que integra os potenciais impactos e ou adaptacións” que no caso do mexillón, un recurso “de grande importancia tanto en aspectos de biodiversidade como socieconómicos” para Galicia, terá a súa adaptación ao “novo escenario de cambio climático”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...