InicioEconomíaA Zona Franca investirá 45 millóns de euros en 2019: Panificadora, A...

A Zona Franca investirá 45 millóns de euros en 2019: Panificadora, A Laxe, ETEA, Balaídos…

PUBLICADO O

O Pleno do Consorcio da Zona Franca, presidido por Abel Caballero, aprobou este xoves por unanimidade os orzamentos para o ano 2019. O volume de investimentos ascende a unha cantidade total de 45 millóns de euros.

Durante a sesión celebrada esta mañá na sede central de Bouzas, tamén tomaron posesión dos seus cargos os novos vogais designados polo Estado, Elena Espiñenta Mangana, María Mejías Sacaluga e Manuel Rodríguez Vázquez, así como tamén o fixo como vocal en representación do Concello de Vigo, Anxos Marra Domínguez.

Estes novos orzamentos contemplan un significativo volume de investimentos para 2019, xa que alcanzan un total de 45 millóns de euros, dos que 15 millóns destínanse á compra de solo e ao comezo de obras para a ampliación do PTL, 4 millóns a obras de mellora do Polígono de Bouzas, e 12 millóns a outros proxectos cun importante impacto na cidade de Vigo como a creación dun Centro Gastronómico, a participación na recuperación da Panificadora ou a rehabilitación do edificio Siemens na antiga ETEA.

A investimentos no Polígono de Balaídos destínanse case 4 millóns a realizar en 2019 e ao desenvolvemento de solo industrial, fundamentalmente a PLISAN, destínanse outros 4,1 millóns de euros. O Consorcio, ademais, mantense como un ente estatal sen xeración de déficit.

En palabras de David Regades, o novo programa de investimentos caracterízase por ser “unha aposta decidida por aumentar a intensidade das actuacións que contribúan á mellora do tecido industrial de Vigo e a súa área de influencia”.

Concretamente, Regades quixo destacar a construción dos novos edificios da avenida de Balaídos, que conformarán un bloque de 17.000 metros cadrados destinados á industria da automoción onde se situarán a aceleradora Business Factory Auto, un laboratorio de I+D ou a primeira incubadora de alta tecnoloxía de automoción de Galicia, a High Tech Auto, así como espazos para a instalación de industrias e empresas vinculadas ao sector.

Para comezar a obra, nos orzamentos de 2019 está prevista unha cantidade de 2,5 millóns de euros, cantidade que alcanzará os 11,6 millóns unha vez construídas as tres pezas.

Para investimentos de gran impacto urbano contémplanse tres partidas de 4 millóns cada unha, destinadas ao proxecto da Panificadora, o Centro gastronómico e as rehabilitacións de edificios na ETEA.

Outra parte importante do orzamento son os investimentos no desenvolvemento de solo industrial para a súa venda a empresas, que se centra fundamentalmente para o ano 2019 e seguintes, nas primeiras obras de urbanización da PLISAN unha vez finalizado en 2018 o proceso de licitación correspondente, así como en completar os novos accesos e viais ao Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares.

Regades tamén informou ao Pleno da súa decisión de paralizar o actual proxecto de reforma da área da Zona Franca de Bouzas, “para poder deseñar outro que contemple melloras na súa integración coa vila de Bouzas, melloras na accesibilidade rodada, peonil e ciclista ao polígono e conforme un espazo máis adecuado para conxugar usos comerciais e de tráfico internacional coa representación que a sede central do Consorcio require”.

Os orzamentos para 2019 inclúen, polo tanto, 2.060.000 euros para mellorar e ampliar o Polígono de Balaídos, 1.617.315 para construír un edificio de oficinas na Avenida de Portanet, 2.562.500 euros para o Polígono da Zona Franca, coas súas obras de mellora, máis de 4 millóns de euros para a ampliación do PTL e de 15 para o Parque Empresarial de Porto do Molle.

Ademais, hai que engadir máis de 4 millóns para un novo Centro Gastronómico, ou para o proxecto da panificadora, e máis dun millón e medio para A Laxe. Ademais, as obras de reforma do Párking de Montero Ríos custarán 600.000 euros, e rehabilitarase por 200.000 o edificio Siemens da ETEA.

Moitos destes proxectos son loxicamente plurianuais. Así, desde o presente ano 2018 ata o exercicio 2022, pódese avanzar que nos próximos anos entre proxectos de chan industrial e investimentos en inmobilizado, o Consorcio da Zona Franca de Vigo realizará proxectos por unha cuantía total de 186,6 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Interceptado un mergullador sen os equipos obrigatorios e sen licenza de pesca

A Policía Local interceptou o pasado martes en Vigo a un mergullador que non...