Abel Caballero reitera que a Xunta dixo “non” á autovía Vigo-O Porriño

O alcalde de Vigo considera ademais que 2040 é un "prazo excesivo" para que a alta velocidade conecte a cidade con Porto.

Abel Caballero / Concello de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo “non” á autovía Vigo-O Porriño na súa reunión coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez.

Nun almorzo-coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia, Caballero lamentou que Núñez Feijóo propuxese eliminar a peaxe da autoestrada Vigo-O Porriño para así non construír unha autovía nova por 350 millóns de euros.

“É a primeira vez na historia de España que un presidente dunha comunidade autónoma di que non a unha infraestrutura de 350 millóns de euros para conectar o seu territorio co resto de España”, criticou o rexedor vigués.

Na súa intervención, Caballero tamén quixo expresar a importancia da saída sur ferroviaria de Vigo cara a Portugal, asegurando que 2040 é un “prazo excesivo” para que a alta velocidade conecte a cidade con Porto.