Vigosónico reabrirá a finais de febreiro as súas nove salas de ensaio

O goberno municipal realizou protocolos de uso "con todas as garantías".

Abel Caballero / Concello de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a reapertura das nove salgas de ensaio de Vigosónico a finais deste mes de febreiro, despois de que o local leve case dous anos pechado tras o estalido da pandemia.

O rexedor lembrou en rolda de prensa que o peche das salas foi unha medida “de preservación” da saúde, polo que agora abrirá en dúas dimensións: a formación musical e as salas de ensaio e de gravación de maquetas dos grupos da cidade.

O goberno municipal realizou, a través dunha empresa, un estudo sobre a calidade do aire en cada cabina con persoas ensaiando, para calcular canto tardaba en renovarse o aire, co fin de establecer protocolos de uso “con todas as garantías”. Tamén se cambiaron os filtros do sistema de refrixeración do aire, debido a que as cabinas son herméticas.

Todo iso despois de que varios partidos da oposición e mesmo unha plataforma creada por grupos musicais de Vigo leven semanas protestando para a reapertura de Vigosónico, que non recuperara a súa actividade cultural desde marzo de 2020, a pesar de que as salas privadas si o fixeron.

NOVO PASEO DE SAMIL

Por outra banda, Caballero tamén falou ante os medios da reforma do paseo da praia de Samil, que pretende rexenerar a zona da duna para gañar máis areal e retranquear o paseo uns metros e facelo máis ancho.

Segundo explicou, esta obra, que albergará desde o comezo da praia ata a antiga cafetaría Camaleón (que foi demolida hai uns meses), suporá un investimento de case 5 millóns de euros, pero para comezar é necesario trasladar un hórreo que se atopa na zona.

Con todo, Caballero lamentou que a Xunta aínda non deu a autorización para facelo, xa que é preciso que patrimonio aprobe este traslado, “de apenas 20 metros”. “Pedimos permiso como corresponde hai tres meses e a día de hoxe non temos resposta”, criticou o alcalde, denunciado os “obstáculos” que, ao seu xuízo, pon o Executivo galego ás obras en Vigo.