InicioEconomíaEn Marea acusa ao Concello de valorar só o criterio económico para...

En Marea acusa ao Concello de valorar só o criterio económico para a contratación das concesionarias

PUBLICADO O

Marea de Vigo está a alertar da “insuficiencia de recursos humanos e materiais” en Vigo para a conservación e mantemento de áreas infantís, biosaudables e deportivas, así como do mobiliario urbano.

E culpan da situación á adxudicación do servizo á empresa Ferrovial “tendo só en conta o criterio económico, a pesar de ser a última en recursos humanos e criterios técnicos”, o cal consideran ademais “a tónica xeral” do goberno de Abel Caballero.

O concelleiro Xosé Lois Jácome advertiu de que “soamente hai 5 persoas para os 135 parques infantís, 45 áreas biosaudables, dúas áreas ximnásticas e os máis de 2000 bancos que figuraban no prego técnico no momento da licitación”.

Polo tanto, Marea de Vigo considera “absolutamente insuficiente” que, mentres estas instalacións case se duplicaron nos anos que a actual concesionaria leva ao cargo deste servizo, o persoal siga sendo o mesmo que no ano 2014, momento no que se levou a cabo o proceso de contratación.

“Aínda é máis grave tendo en conta que durante estes anos de contrato, a empresa si que cobrou polos incrementos de mobiliario urbano no servizo, mais non aumentaron nin o persoal nin o material”, subliñou Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Esta agrupación política o cualifica como unha “tónica xeral no goberno do Abel Caballero” o xeito de xestionar a contratación pública, polo que, “na mesma liña que no resto de procesos de contratación pública que se levan a cabo no Concello de Vigo, no que atinxe a esta concesión, na adxudicación do contrato primaron os criterios estritamente económicos, ao adxudicar o contrato á empresa que ofertou máis barato, Ferrovial, aínda sendo esta a última clasificada nos criterios técnicos e de recursos humanos”.

“Unha vez máis queda en evidencia que o criterio de ser a oferta máis barata non pode ser o determinante para os procesos de contratación de servizos públicos. Estas empresas empregan un criterio de recortes máis que evidente en materia de recursos materiais e humanos, estes últimos aínda máis patentes cando chegan os periodos de vacacións e non se cobren as mesmas, ou por exemplo nos casos de cobertura por baixas laborais” engade Xosé Lois Jácome.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...