InicioSociedadeO goberno de Vigo traslada o seu "compromiso" de analizar "todas" as...

O goberno de Vigo traslada o seu “compromiso” de analizar “todas” as alegacións ao PXOM

O PP critica o documento e esixe "que se corrixa o Plan e que se mellore substancialmente, porque crea problemas pero non soluciona ningún".

PUBLICADO O

O goberno municipal de Vigo trasladou este luns o seu “compromiso” de estudar “de forma individualizada” todas as alegacións presentadas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e apuntou que este proceso de “participación cidadá” servirá para “mellorar” o documento final.

Así o manifestou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que lembrou que está a piques de finalizar o prazo dado polo Concello para a presentación desas alegacións, un prazo que se ampliou ata os tres meses, por encima da obrigación legal, para “facilitar” a presentación das achegas, tanto por rexistro como telematicamente.

Ademais, defendeu a edila socialista, tamén se deron facilitades para que os cidadáns puidesen consultar o documento urbanístico de forma virtual, ou facelo presencialmente, na oficina especial habilitada para ese efecto no Auditorio Mar de Vigo.

“Tanto o equipo redactor como o goberno local estamos comprometidos coa análise e estudo de todas as alegacións de forma individualizada (…), responderanse de forma singular, e temos o compromiso de analizalas todas, como corresponde”, proclamou María José Caride, que engadiu que este proceso de “participación” é “tremendamente importante” e “contribuirá a mellorar claramente o documento final”.

CRÍTICAS DO PP

Pola súa banda, o portavoz municipal do PP, Alfonso Marnotes, lamentou que a novo PXOM “empezou mal e termina mal” porque “se tramitou en segredo, a porta pechada” e “limitouse todo o posible a información pública”. Así, apuntou que a oficina de consulta do Auditorio Mar de Vigo só estaba dispoñible polas mañás e con cita previa, “sen o expediente, para que a xente non poida ler os informes técnicos”.

Unha vez concluído o prazo de exposición, “haberá miles de alegacións”, prognosticou o portavoz ‘popular‘, que considera esas reclamacións unha vitoria fronte a un goberno municipal que pretendía que o Plan “pasase desapercibido” para “ocultar pelotazos” como o de Samil ou “a desaparición do chan industrial”.

Entre outras cuestións, volveu a denunciar que “miles de propietarios” deberán porse de acordo para aprobar un PERI ou un Plan parcial, que 2.000 vivendas construídas en chan urbano agora pasarán a chan rústico, ou que gran parte das zonas verdes anunciadas quedan en áreas por desenvolver. Finalmente, o grupo municipal do PP esixiu “que se corrixa o Plan e que se mellore substancialmente, porque crea problemas pero non soluciona ningún”.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...