A veciñanza de Teis pide máis “coordinación” entre Xunta e Concello para evitar o abandono da ETEA

Pancarta ETEA/ Asociación Veciñal de Teis

A Asociación Veciñal de Teis colocou nas últimas horas unha pancarta reivindicativa co lema ”Non ao abandono da ETEA, Xunta e Concello, culpábeis”, na antiga torre de vixilancia da ETEA, para denunciar a situación de abandono destes terreos.

“É especialmente grave o abandono dos espazos públicos, parque público e paseo marítimo, situación que se agrava meses de verán, pola maior afluencia da veciños”, recalcaron.

O parque público foi construído pola Consellaría de Infraestruturas en 2013. Pero, segundo advirte a AV de Teis, “os espazos verdes carecen de mantemento, o mato ocupa parte do parque, o parque infantil presenta danos desde hai dous anos”.

O paseo marítimo foi realizado polo Concello de Vigo en 2011: “Carece de papeleiras, non se realiza un traballo de mantemento habitual neste paseo, onde tamén abunda a vexetación que como moito é cortada unha vez ao ano”.

Engaden ademais que “no caso do espazo do parque público e paseo marítimo, son dous espazos cun gran potencial desaproveitados, en contacto coa praia da ETEA e A Punta. A falta de mantemento da ETEA provoca que a vexetación invada todo e afecta as vivendas próximas, como os edificios da rúa Doutro Corbal, lindeiros con estes terreos”. A situación denunciouse á Concellaría de Parques e Xardíns do Concello.

Ademais, no mes de marzo de 2017, a Consellaría de Política Social, anunciaba publicamente a construción dunha residencia para maiores na ETEA. Despois dun ano non se coñece nin o proxecto.

“Desde a Asociación Veciñal de Teis, consideramos fundamental a coordinación entres as administracións implicadas na ETEA (Xunta, Concello, Consorcio Zona Franca e Universidade de Vigo), para permitir a recuperación total da ETEA, para a veciñanza de Teis”, selaron.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here