Licitado por 4,6 millóns de euros un proxecto para converter 172 edificios de Vigo en nodos intelixentes

Terán capacidade para medir variables ambientais, satisfacción global, seguridade e calidade de vida.

O delegado do Goberno, José Miñones, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou a apertura da licitación por 4,3 millóns de euros da subministración para a posta en marcha dun proxecto para converter 172 edificios de Vigo en nodos intelixentes, unha iniciativa financiada polo Executivo central (80%) e o Concello (20%).

O proxecto ‘Vigo edificios intelixentes. Unha cidade para as persoas accesible, eficiente e comprometida’ enmárcase na convocatoria de Rede.es publicada polo Boletín Oficial do Estado (BOE), segundo detalla a Delegación do Goberno en Galicia.Miñones recalcou que o investimento nesta iniciativa “reflicte a aposta decidida do Goberno pola transformación das cidades en territorios e destinos intelixentes, máis competitivos, verdes e eficientes”.

Deste xeito, búscase converter 172 edificios repartidos polos barrios de Vigo en nodos intelixentes con capacidade para medir variables ambientais, de satisfacción global, de seguridade e de calidade de vida. Así, trasladarase estes datos á plataforma ‘Vigo Smart City’ para producir fluxos de información que melloren os servizos públicos e o seu alcance e eficacia.

O prazo de recepción de ofertas para a subministración do proxecto permanecerá aberto ata o próximo 22 de xaneiro e a apertura de ofertas realizarase o 5 de abril de 2022. Ademais, a duración do contrato estenderase durante 20 meses.

O delegado do Goberno sinalou que o Ministerio de Asuntos Económicos tamén impulsará proxectos piloto similares noutras sete cidades, entre elas, A Coruña. Estas urbes foron seleccionadas no marco da convocatoria de ‘Proxectos Pilotos de Edificios Intelixentes’, que busca obter información real da aplicación das tecnoloxías á mellora da calidade de vida e a xestión dun inmoble.