InicioSociedadeConcello e Marea de Vigo acusan a concesionaria Dornier do despido improcedente...

Concello e Marea de Vigo acusan a concesionaria Dornier do despido improcedente de 8 traballadores

Marea de Vigo criticou ademais o "proceso de contratación totalmente opaco" por parte do Concello de Vigo.

PUBLICADO O

Tanto o Concello vigués como Marea de Vigo veñen de criticar o despedimento de 8 traballadores por parte da empresa concesionaria Dornier. O Concello defende que “analizadas as cartas de despedimento, as causas organizativas e económicas destes non se axustan ao contrato que a empresa asinou co Concello, e non que se comprometía á subrogación de 40 traballadores, e debe manterse”.

Ante esta situación, asegurou o concelleiro López Font que “os despedimentos son improcedentes claramente”. Polo tanto, dende o goberno vigues chaman a empresa a unha reunión este xoves, para trasladarlle que as cartas de despedimento non se axustan ao contrato. “De non atendernos, iniciaría o procedemento por incumprimento das cláusulas asinadas”, advirten.

Pola súa banda, Marea de Vigo sinala que “tras dous anos dun proceso de contratación absolutamente opaco, adxudicouse unha concesión a unha empresa cuxa oferta económica contaba cunha rebaixa de máis do 30%”.

“Tras dous meses da adxudicación, este tipo de proceso de contratación pública desembocou no despedimento de 8 traballadores. Despedimento levado a cabo dunha maneira absolutamente irregular e fóra do marcado pola lexislación laboral”, considera o grupo municipal.

“Dun xeito totalmente reprobable, a empresa foi chamando, un por un, aos traballadores que ían ser despedidos, curiosamente 6 dos 8 son afiliados ao mesmo sindicato que ostenta a representación e algún deles incluso foi delegado nos pasados períodos. Isto só se pode cualificar como persecución sindical”, segundo matizou o concelleiro Rubén Pérez.

O propio proceso de contratación contou con informes técnicos en contra da adxudicación a esta empresa, e mesmo con varios escritos por parte da representación sindical alertando do que podía supoñer esta rebaixa, que debería ter sido avaliada como ‘baixa temeraria”, engaden.

“Nun servizo como este, cuxo custe é fundamentalmente laboral, esa rebaixa ía repercutir ineludiblemente sobre o cadro de persoal. Ter ofertado un 30% por debaixo do prezo significa que a empresa Dornier xa tiña pensado facer os despedimentos. O que non esperaba ninguén era que fora dunha maneira tan ‘expeditiva’, aproveitando cando o persoal comeza a ir de vacacións, esnaquizando o dereito laboral máis básico e utilizando aos traballadores como medida de presión para pedirlle máis cartos ao Concello de Vigo” explicaba Rubén Pérez na rolda de prensa.

Marea de Vigo tamén cualifica o acontecido como “un claro incumprimento do contrato asinado entre a empresa e o Concello”, ao non manter todo o persoal subrogable adscrito ao servizo.

O grupo municipal da Marea de Vigo espera que o Goberno Local, “aínda que tarde”, asuma o seu papel e se enfronte á empresa como concesionaria dun servizo público municipal. Para a Marea de Vigo, non é suficiente a readmisión destes traballadores, senón que “é máis que necesario a expulsión de Dornier deste servizo e levar a cabo todas as accións necesarias para impedir que esta empresa volva concursar en ningún servizo público deste concello”.

Este tipo de empresas ‘pirata’ como Dornier adícanse a ofertar máis baixo para obter as adxudicacións, para, xa co contrato asinado, empregar aos cadros de persoal como elementos de presión ás administracións públicas. Isto debería ser unha práctica absolutamente ilegal” concluía Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

 

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...