InicioDeportesEster Navarrete, segunda no campionato de España de 5.000 metros: "Hai que...

Ester Navarrete, segunda no campionato de España de 5.000 metros: “Hai que ter os pés no chan”

PUBLICADO O

A viguesa Ester Navarrete leva 4 tempadas asentada na elite dos 5.000 metros lisos en España: quedou cuarta no 2015, terceira no 2016, quinta en 2017 e este último ano segunda, acadando a medalla de prata. Con 28 anos, foi a máis nova do podio.

A súa é unha mellora constante, ano a ano. Algo para o que é preciso paciencia, polo que asegura non fixarse nas demais: “Este é un deporte individual”. De continuar nesta liña, espera seguir batendo os seus mellores cronos no 1.500 e no 5.000.

O 800 recoñece que non lle gusta, o 10.000 ou a maratón son un proxecto en mente para o futuro. Leva 10 anos xa co seu adestrador actual, Manolo Vigo, con quen progresa de forma constante.

A longo prazo, ten pensado pasar á maratón, aínda que “vexo os adestramentos para esta proba das miñas compañeiras de equipo e se me quitan as ganas”, ri. Ten ficha pola sección de atletismo do Fútbol Club Barcelona.

Ester Navarrete tras gañar a carreira de San Xoán/ Miguel Núñez

P- Que opina da retransmisión do Campionato de España de atletismo de Getafe, onde acadaches a prata, que foi bastante criticada no mundo do atletismo?

R- Foi moi mala. Entendo que hai máis deportes, pero o atletismo é deporte base. Retransmitírono a horas nas que a xente non ve televisión. E en Internet, con cortes, sen un streaming continuo como no último campionato galego de pista, onde coido que o fixeron mellor neste sentido.

P- Fai máis dun adestramento ao día, é dicir, dobra sesión? É necesario para realizar as súas marcas?

R- Comecei a dobrar en 2013 en Cantabria, pero non saíu ben. Non saía da rutina, e iso bloqueábame. Pero este ano intentámolo de novo, con 10 sesións á semana, e foi ben. Parece que logrei adaptarme. Porque en 2013 sentía que sempre ía en chandal, que só adestraba e non facía máis cousas. Agora estou estudando oposicións e atópome máis centrada.

Ester Navarrete, en Navia/ Miguel Núñez

P- Cantos quilómetros corres á semana?

R- Non moitos (dentro do que é o atletismo a este nivel). Só dobrando comecei a subir dos 100, para facer entre 100 e 110. Por iso creo que teño marxe de mellora. Si que intento non esquecer o traballo de ximnasio e a tonificación, estirar….

P- Cal é o seu adestramento favorito?

R- As series de 200 metros recuperando un minuto. Como unha anécdota bonita, recordo facelas con Luis del Río, que daquela comezaba nisto do atletismo. Mandounos Manolo Vigo facer 20, e díxolle a Luis que fora comigo. Pero meteu o primeiro moito máis rápido, en 26 segundos. O segundo xa foi a 27. Baixou a 28…

Fixo catro e dixo, non podo máis. Pero cos anos está a protagonizar unha gran progresión e agora xa ten 1.52.12 en 800 metros e quedou 6 de España no campionato Sub 23.

P- Que opina das instalacións das que dispón Vigo e das facilidades para o adestramento?

R- Vigo podería poñer moitas máis facilidades. A pista de atletismo está pechada moitas horas, as instalacións tampouco son as mellores. Tampouco temos nada cuberto, e o noso clima non é mediterráneo.

P- Que importancia ten un adestrador nos bos resultados?

R- Un 60% do mérito é seu. Ten que traballar moitas parcelas, e saber levar ao deportista, porque o psicolóxico é crucial, e os adestramentos non son para todos iguais.

P- Foi internacional nas chamadas “categorías menores”. Espera chegar tamén a selo a nivel absoluto?

R- Gustaríame, e de feito estou preseleccionada para ir aos Iberoamericanos de Perú, pero é difícil, non estou no primeiro lugar.

Ester Navarrete, en Navia/ Miguel Núñez

P- Que mensaxe de apoio enviarías aos atletas que non se dan recuperado das súas lesións, ou están lonxe do seu mellor estado de forma?

R- Hoxe mesmo lin unha entrevista a Bruno Hortelano (nova mellor marca española de 200 metros lisos de tódolos tempos) e dicía que nunca se rendeu tralo seu accidente de coche. Pareceume moi real. Os demais podemos conseguilo tamén.

P- Cal é o teu ídolo dentro deste deporte?

R- Manuel Olmedo, pola súa forma de correr, a súa incrible plasticidade; e Natalia Rodríguez, como persoa e atleta.

P- Está nos seus plans ser adestradora no futuro? 

R- Eu xa son monitora de atletismo, por hobbie, cos nenos e nenas dun cole. Pero a nivel profesional quero dedicarme á enfermaría, gústame moitísimo.

P- É posible vivir do atletismo?

R- Non, ou polo menos para min. Estou a un nivel alto pero non o suficiente para chegar ás bolsas ADO, para deportistas olímpicos. Eu creo que é algo imposible. E lesiónaste e non tes ninguén que te axude. Estou moi contenta co meu equipo, o Barcelona, que é dos equipos que mellor pode tratar aos atletas neste sentido, pero é a situación do deporte.

San Xoan
Ester Navarrete tras gañar a carreira de San Xoán/ Miguel Núñez

P- Espera seguir correndo ao máximo nivel en 10 anos?

R- Bueno, penso en formar unha familia. Non podes vivir disto, tes que buscarte as fabas. Eu espero exercer de enfermeira e tentarei compaxinar. Non é que queira deixar o atletismo, pero non hai axudas no deporte e hai que subsistir. Nunca se sabe se van chegar lesións.

Hai que ter os pés no chan. Facer unha mínima olímpica é moi difícil. Soportar unha enorme carga de adestramento, non lesionarte, pagarte a viaxe a un encontro internacional e expoñerte a que as cousas saian ben ou mal.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...