InicioSociedadeSuspenden o xuízo contra o ancián "raiacoches", incapacitado xudicialmente

Suspenden o xuízo contra o ancián “raiacoches”, incapacitado xudicialmente

Se lle aplica a eximente de alteración psíquica polos seus problemas mentais.

PUBLICADO O

O xuízo contra José Antonio V. V., coñecido como o ancián “raiacoches” de Vigo, que estaba previsto para este xoves na sala do Penal 3 da cidade olívica, foi suspendido, tendo en conta que o acusado foi incapacitado xudicialmente.

Este home estaba acusado dun delito continuado de danos, por raiar máis dunha ducia de coches e inutilizar con escarvadentes fechaduras, tanto de vehículos como de edificios. Aínda que a Fiscalía pedía que indemnizase en máis de 10.300 euros aos prexudicados, reclamaba a súa absolución desde o punto de vista penal, xa que lle aplica a eximente de alteración psíquica polos seus problemas mentais.

En todo caso, a vista quedou suspendida, xa que o Xulgado de Primeira Instancia 5 de Vigo, especializado en Familia, ditou recentemente sentencia que ratifica a súa incapacidade, por tanto é inimputable. Nese caso, tramitouse unha curatela, é dicir, designóuselle un curador (antiga figura do titor legal), que está pendente de aceptar este cargo.

ANTECEDENTES

O xuízo suspendido este xoves non é a única causa penal na que este octoxenario estivo implicado. Así, ten numerosos antecedentes policiais por causar danos en vehículos estacionados nas zonas de O Calvario e A Dobrada, en Vigo.

Foi detido en varias ocasións e levado ante os tribunais pero, tras pagar as multas correspondentes, o home volvía a reincidir no seu comportamento.

A Policía chegou a atribuírlle danos en máis de 1.000 vehículos, xa que estivo ‘a actuar’ por esas zonas durante anos e os veciños chegaron a colocar carteis por esas rúas coa súa foto, alertando de que raiaba as carrozarías e introducía escarvadentes nas fechaduras.

Tras numerosas identificacións por parte dos axentes e comparecencias nos xulgados, a petición da Fiscalía e do xulgado foi sometido a unha avaliación e, tras ser inicialmente ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro, acabou sendo trasladado a un centro xeriátrico.

J.A.V.V. estivo inmerso en varias causas por eses danos. En xuño de 2019 xa foi absolto noutro procedemento por este delito no Xulgado do Penal 1, ao aplicárselle a eximente de alteración psíquica pola súa deterioración (aínda que se acordou o seu ingreso nun centro para que reciba a atención adecuada); do mesmo xeito, en febreiro deste ano foi arquivada unha causa que tiña aberta no Xulgado do Penal 2, polo que xa non chegou a xuízo.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...