O presidente do Porto asegura que a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas é “irrenunciable”

Jesús Vázquez Almuiña garantiu que sempre defenderá "a solución que máis beneficie á cidade" para dotala desta infraestrutura.

O presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña / PORTO DE VIGO.

O presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas é “irrenunciable” e garantiu que sempre defenderá “a solución que máis beneficie á cidade” para dotala desta infraestrutura.

Durante a súa intervención nunha tribuna organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, remarcou a importancia da “transparencia, o diálogo e a implicación de todos” para alcanzar “o mellor proxecto posible para o Porto”. Así, subliñou que as actuacións previstas pola institución que preside “están a facerse ou revisando cos usuarios actuais ou potenciais desas instalacións”.

Nesta liña, resaltou que aspira a “construír un proxecto común metropolitano” baseado “no diálogo e a colaboración institucional e público-privada”, así como a “protexer a actividade portuaria” mentres se ceden espazos á cidadanía e se impulsa a sustentabilidade. Deste xeito, recalcou a necesidade de mellorar o diálogo entre o Porto e o Concello.

Vázquez Almuiña tamén avogou por unha “colaboración institucional” que permita que a planificación urbanística “dea resposta ás necesidades do Porto”, así como que “estas sexan recollidas tamén nos instrumentos de planificación urbanística que desenvolven os propios concellos a través dos seus plans xerais de ordenación municipal (PXOM)”.

Para iso, defendeu que se deben levar a cabo “o maior número de exposicións públicas e explicacións posibles” co obxectivo de alcanzar a “implicación e colaboración de todos”.

Adicionalmente, apostou por potenciar a actividade portuaria e a dixitalización, fortalecer as infraestruturas actuais e consolidar a estratexia de Crecemento Azul. Ademais, afirmou que o Porto “debe de ir un paso por diante da demanda”, polo que lembrou que se planificaron diversos investimentos por valor de 140 millóns de euros de cara ao próximos cinco anos.