InicioEconomíaVigo lidera un proxecto europeo para protexer das catástrofes as infraestuturas de...

Vigo lidera un proxecto europeo para protexer das catástrofes as infraestuturas de transporte

PUBLICADO O

Crear un sistema europeo de xestión de infraestruturas capaz de aumentar de xeito significativo a resistencia e a seguridade da rede de estradas e de infraestruturas ferroviarias ante circunstancias adversas ou eventos extremos, desde inundacións ata secas, incendios forestais, terremotos ou corrementos de terra.

Este é o gran obxectivo de Safeway, o primeiro proxecto europeo da convocatoria H2020 liderado pola Universidade de Vigo e no que se aglutina a 15 socios de sete países. Financiado con algo máis de catro millóns e medio de euros, dos que 708.000 corresponden á propia Universidade de Vigo, o proxecto presentouse este xoves nunha rolda de prensa na que se contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e dos dous investigadores da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía que coordinan este traballo, Belén Riveiro e Pedro Arias.

“Para nós, conseguir este proxecto no marco máis esixente da Unión Europea é algo excepcional”, explicou o reitor, que fixo fincapé en que esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo lidera un proxecto deste tipo, “o que dalgún xeito subliña a maioría de idade da nosa institución no eido da investigación e o desenvolvemento”, recalcou.

O persoal investigador do proxecto, co reitor/ Duvi

O proxecto xurdiu a partir da creación na Universidade dunha rede de investigación da que forman parte catro grupos de investigación coordinados polo profesor Henrique Lorenzo e que xa deu orixe a tres proxectos europeos -o último Safeway-, dotados con máis de dez millóns de euros, dous deles destinados integramente á propia Universidade.

O proxecto Safeway reúne o traballo de 15 socios de sete países, entre eles Estados Unidos, que cobren múltiples campos de negocios relacionados coa resistencia da rede de infraestruturas de transporte en Europa.

Desde o grupo Encomat encargaranse do paquete de traballo destinado ao desenvolvemento de novos sistema construtivos, creados a partir de materiais intelixentes –sobre todo aceiros con memoria de forma e novos cementos que melloran a resistencia da infraestrutura– e incluso novas tecnoloxías que permiten certas recuperacións despois do acontecemento dun dano.

Casos de estudo de Safeway asociados aos principais corredores europeos/ Duvi

Por parte do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas propoñen a aplicación dunha ferramenta “na que eles son expertos e teñen xa moita experiencia”, apuntou Riveiro, que permite facer predicións meteorolóxicas a curto prazo e que poden ser de gran relevancia á hora de axudar a mellorar o seguimento de incendios forestais, inundacións ou calquera outro elemento que dependa das circunstancias meteorolóxicas.

42 meses para mellorar a mobilidade e reducir os custes

Cunha duración total de 42 meses, a reunión de lanzamento do proxecto celebrarase en Vigo os vindeiros 13 e 14 de setembro e a data prevista de finalización é febreiro de 2022. Ata entón Safeway tratará de desenvolver as ferramentas necesarias para mellorar a capacidade de adaptación das infraestruturas de transporte, desenvolvendo un conxunto de ferramentas con aplicación transversal para anticipar e mitigar os efectos de eventos extremos en todas as dimensións do ciclo de xestión de desastres.

Aínda que os traballos de campo iniciaranse este mesmo ano, non será ata a última fase do proxecto –anos 2021 e 2022- cando se realicen as primeiras probas piloto do novo sistema. Realizaranse un total de catro, distribuídas entre: Portugal, centradas en cuestións relacionadas con incendios forestais e inundacións; España, en sismos e inundacións; Reino Unido, en inundacións e falla de noiros; e Holanda, concretamente no porto de Rotterdam, un enclave emblemático polo seu carácter intermodal, xa que ademais de estradas e tren, coincide tamén o transporte marítimo.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...