A Xunta inicia unha intervención etnográfica-arqueolóxica na illa norte do arquipélago de Cíes

Actuarán nos restos dunha ferrería.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto ao arqueólogo Santiago Vázquez e a unha representante do Parque Nacional Illas Atlánticas.. XUNTA DE GALICIA

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou unha intervención etnográfica-arqueolóxica na illa norte o arquipélago de Cíes, no lugar dos Ferreiros, onde se atopan os restos do que se cre que foi unha ferrería.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves o enclave, no que se traballará ata o mes de decembro, en diferentes fases. Nos próximos meses combinarase o traballo de gabinete coa realización de actividades de campo: documentación inicial (preparación do proxecto de intervención); limpeza das estruturas; instalación dun panel informativo; e tratamento final da información rexistrada (elaboración da memoria final dos traballos).

O arqueólogo principal do proxecto, Santiago Vázquez, explicou que as actuacións levaranse a cabo sobre as estruturas do enclave etnográfico, retirando manualmente as plantas trepadoras que crecen nos paramentos. Só en casos puntuais e necesarios fixaranse algunhas das pedras con morteiro de cal hidráulico e árido silíceo e, en ningún caso se cortarán árbores ou reconstruirán muros.

Cando se finalice o traballo de campo, procederase ao tratamento de toda a información recollida e elaborarase unha memoria final na que se detallará todo o proceso e os resultados obtidos. Así mesmo, no documento farase unha proposta de actuación futura para recuperar patrimobialmente os restos que conforman o conxunto.