A Xunta ve “incomprensible” que o novo PXOM de Vigo non considere a ruta portuguesa pola costa

Alfonso Rueda apuntou que mentres "todos os concellos" buscan unha expansión das rutas o de Vigo "dálle as costas a todo isto".

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández Tapia, coa responsable dun hotel en Vigo.

A Xunta de Galicia lamentou este mércores que novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, que foi aprobado de maneira inicial polo pleno do Concello, non contemple o Camiño Portugués pola Costa, que atravesa a cidade, e cualificou de “incomprensible” esa actitude do goberno encabezado por Abel Caballero.

Cuestionado polos medios acerca desa ‘ausencia’ da ruta xacobea no documento urbanístico, o vicepresidente galego e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, afirmou que “parece que o Camiño Portugués pola Costa non merece a consideración de quen deseña o futuro da cidade”, e iso a pesar de que a redacción do plan financiouse con diñeiro público (unha parte achegada pola Xunta).

Respecto diso, o representante autonómico lembrou que esa ruta representou este ano o 5% dos peregrinos que chegaron a Compostela, “e crecendo”, e lembrou que xa o goberno local se opuxo a que a Xunta colocase sinalización do Camiño na cidade.

Rueda apuntou que a posición do Concello olívico é “outro elemento absurdo que ninguén entende” e que, mentres “todos os concellos” buscan unha expansión das rutas, que se constrúan albergues e colaborar para “coidar á galiña dos ovos de ouro”, o de Vigo “dálle as costas a todo isto”.