InicioSociedadeEducación destina 12,5 millóns en melloras en centros como o Conservatorio Superior...

Educación destina 12,5 millóns en melloras en centros como o Conservatorio Superior de Música

A rehabilitación integral do inmoble, xa licitada, conta cun investimento de 1,2 millóns de euros.

PUBLICADO O

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un investimento de case 12,5 millóns de euros este ano en actuacións de mellora nas instalacións dos centros educativos da área de Vigo, entre elas a rehabilitación integral do Conservatorio Superior de Música do municipio.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou este xoves o recinto, no que destacou o “compromiso” da Xunta coa cidade e a súa contorna ao tratarse da localidade con maior investimento educativo en obras de Galicia, en concreto máis de 25 millóns de euros desde o ano 2009.

Cun orzamento de case 1,2 millóns, a rehabilitación integral no Conservatorio Superior de Música de Vigo acaba de ser licitada e ten como obxectivo dar resposta ás problemáticas que viñan suscitando as súas instalacións.

O proxecto conta con actuacións tanto sobre o edificio do conservatorio como do auditorio. No primeiro deles cambiarase toda a carpintaría exterior, mellorarase o illamento da fachada e repararase a entrada de auga en cubertas e terrazas e os efectos ocasionados pola mesma en teitos e paramentos.

No caso do edificio do auditorio, está previsto cambiar a cuberta e o sistema de impermeabilización, mellorar o illamento e acometer diferentes traballos de reparación. Así mesmo, mellorarase a cuberta do lucernario e cambiarase a carpintaría exterior.

ACCIÓNS NA ÁREA

As obras no conservatorio enmárcanse nun paquete de 84 actuacións que a Xunta está a licitar antes de fin de ano e por un importe total case 40 millóns de euros, das que trece se desenvolverán en centros escolares da área viguesa, cun orzamento de 7,2 millóns.

Entre elas inclúense accións como a do IES San Tomé de Freixeiro, un proxecto de rehabilitación integral pensando na eficiencia enerxética, e melloras no CEIP Virxe do Rocío e no IES Alexandre Bóveda.

Outras accións previstas en centros da zona son a rehabilitación integral do IES Santa Irene, as cubertas do instituto Castelao ou a ampliación do IES de Salvaterra de Miño.

“No verán o ensino non para, son uns meses de traballo, de planificación e execución de obras orientadas a mellorar o noso parque inmobiliario para dar un maior confort ao desenvolvemento do curso común”, incidiu Rodríguez, que asegurou que 2021 é “un ano especialmente intenso” en actuacións deste tipo.

Ademais, enmarcou estas accións no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para transformar os centros educativos ás novas necesidades ‘post-pandemia’ e que conta cun orzamento de 191 millóns para o período 2021-2024.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...