InicioEconomíaDavid Regades toma posesión como delegado do Estado na Zona Franca: "Alcalde,...

David Regades toma posesión como delegado do Estado na Zona Franca: “Alcalde, no te fallaré”

"As empresas deben ver a Zona Franca como un apoio", defendeu Regades.

PUBLICADO O

Nun acto que contou coa presenza de boa parte da elite económica e política de Vigo e a súa contorna, e que obrigou a suspender o pleno municipal entre críticas do PP e Marea de Vigo, tomou posesión David Regades do cargo de Delegado do Estado na Zona Franca.

A delegada saínte, Teresa Pedrosa, congratulouse de ter acadado os obxectivos do seu mandato, “emprego e riqueza para Vigo, nun marco máis estable”. E felicitou polo seu esforzo aos traballadores do Consorcio da Zona Franca, mentres recoñecía que o cadro de persoal é “moi reducido”.

“Fanse casi o dobre de coches que en 2012”, celebrou, mentres agradecía o seu apoio a políticos, empresarios e incluso medios de comunicación. Por último, desexou sorte a Regades para que implante “políticas que promovan a calidade de vida dos vigueses”.

Teresa Pedrosa, durante a súa intervención / Miguel Núñez

Pero o discurso máis celebrado foi, se cadra, o do protagonista do acto, David Regades, despois de tomar posesión do seu novo cargo. Primeiro, agradeceu a seus pais. Logo, e en numerosas ocasións, ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Cualificou este momento como unha “oportunidade histórica para a cidade”, posto que “por primeira vez, traballarán xuntos o Concello e a Zona Franca”, contando tamén con “boa sintonía” coa Deputación de Pontevedra e o Goberno de España, nas mans tamén de dous socialistas, Carmela Silva e Pedro Sánchez. Só queda a Xunta en poder do PP. Hai que recordar que a anterior mandataria do Consorcio, Teresa Pedrosa, pertence politicamente ao Partido Popular.

Polo tanto, tanto Regades como Caballero falaron de coalición, de unión de forzas. Se fora criticada a elección do “home de confianza” do rexedor vigués como unha mostra do seu poder política, a súa estratexia comunicativa foi non agochar en ningún momento a estreita relación entre ambos senón o contrario, precisamente destacar os aspectos positivos de camiñar todos “na mesma dirección, antepor os intereses de Vigo aos partidistas”.

David Regades, de cerca/ Miguel Núñez

“Sabemos que se a Vigo lle vai ben, a Galicia tamén”, defendeu Regades, nunha liña de pensamento moi similar ao de Caballero, a sintonía é tanta que chegou a dicir: “Alcalde, no te fallaré, ni a ti ni a la ciudad”. E agradeceu de novo ao rexedor todo o seu apoio, se cadra peza clave para o seu nomeamento.

Festexou e defendeu Regades o proxecto que está a desenvolverse en Vigo, en concreto a “humanización” de centos de rúas, ou os milleiros de euros recibidos dende Europa, entre eles os destinados ao polémico proxecto Vigo Vertical

Agradeceu tamén “ao 99% da economía de Vigo” que estivera presente no acto, e incluso chegou a subliñar “que a primeira tenente de alcalde deste Concello (Carmela Silva) estea agora de Presidenta da Deputación, e o segundo de delegado na Zona Franca, non é casualidade”.

Metaforicamente, destacou que coa súa chegada “cae o muro que separaba á cidade da Zona Franca”. Chamou a aproveitar as “sinerxías” que produce Citroën e a industria do automóbil, e a potenciar o sector do metal, o cal asegurou “coñecer moi ben”, ademais de fortalecer a “sinal de identidade” da pesca, ou aumentar a relación coa UVigo, máis agora que hai boa relación co novo reitor, Manuel Reigosa.

“os empresarios son moi esixentes, pero a zona franca estará á altura”

Outro obxectivo, xerar máis solo para a industria: “Non pode ser que as empresas marchen da cidade porque non teñen espazo para as súas instalacións, é algo que non pode volver a pasar”, selou.

Convidou tamén a achegarse a “motores económicos” como Ikea, para “compaxinarse” co pequeno comercio, “tan arraigado na cidade de Vigo”. Asegurou tamén que buscará sempre a rendibilidade das inversións e o retorno económico e social: “As empresas deben ver á Zona Franca como un apoio e non como un observador”.

Tamén recoñeceu Regades que “os empresarios de Vigo son moi esixentes, pero a Zona Franca estará á altura”. E salientou o exemplo da Zona Franca de Barcelona, que aproveitou un espazo sen uso, nunha clara referencia á situación actual da panificadora.

“son un convencido feminista”

Festexou o novo delegado estar “rodeado de colaboradores e compañeiros”; tamén no sector privado, e alegou que tanto el coma o alcalde traballarán en equipo con tódalas administracións, esquecéndose da Xunta de Galicia coa que os conflitos están a ser constantes.

Tamén celebrou Regades que formará parte dun equipo “maioritariamente feminino”, “e eu son un convencido feminista”, momento no cal os asistentes interromperon o acto por primeira e última vez, rompendo o silencio en aplausos.

Abrazo entre Portela e Carmela Silva/ Miguel Núñez

Estaba orgulloso tamén Regades de ser elixido por un Consello de Ministros tamén con maioría de mulleres, e incluso “culpou” a Carmela Silva do seu feminismo. Visiblemente emocionada, atendía ás súas bágoas mentres o novo delegado recordaba un día, cando el contaba só con 16 anos, e ela animouno a entrar en política.

Mencionou tamén Regades a necesidade de “deter a violencia machista, lacra social”, e defendeu que “unha sociedade será máis xusta canto máis igualitaria sexa”, así como que fará campaña a prol de que as mulleres entren nos equipos directivos das compañías.

“Amigo Abel, devolverei a confianza. Non deixaremos escapar esta oportunidade que preparamos dende a alcaldía (…) Grazas alcalde, grazas Vigo”.

Por outra banda, foi un evento que contou con constantes referencias a España e tamén a Galicia, mais tódalas intervencións foron efectuadas integramente en castelán.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...