InicioCulturaUnha tese da UVigo descobre a valía como poeta do escritor medieval...

Unha tese da UVigo descobre a valía como poeta do escritor medieval Juan Alfonso de Baena

PUBLICADO O

Cancioneiro de Baena é un dos manuscritos máis antigos que se conservan da literatura medieval feita en castelán. Nesta antoloxía o escritor Juan Alfonso de Baena recompilou a mediados do século XV case seiscentos poemas, moitos deles da súa propia autoría, para ofrecerllos como agasallo ao rei Juan II.

Agora, e por primeira vez, parte destes textos, a poesía dialogada, foron analizados grazas ao traballo levado a cabo pola investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución Ana Caíño, autora da tese de doutoramento La poesía dialogada de Juan Alfonso de Baena: edición y estudio, investigación que permitirá abrir novos horizontes no estudo dun autor cuxa obra poética, nunca antes estudada, se revela agora como dunha elevada calidade e tremendamente orixinal.

“Juan Alfonso como poeta nunca fora estudado, só se estudara o seu labor como compilador dese Cancioneiro e a súa obra en prosa (o prólogo que fai para o Cancioneiro e as rúbricas que preceden aos poemas), pero a súa poesía, malia que conta cun corpus moi amplo, nunca fora editada”, apunta Caíño, ao tempo que lembra a súa preocupación cando en 2013 o profesor Antonio Chas, director da tese, lle propuxo centrar nesta temática a súa investigación.

A investigadora Ana Caíño cun exemplar da súa tese de doutoramento/ Duvi

“Sentín moita responsabilidade porque Baena é un dos autores máis destacados do século XV e a el debémoslle un dos vestixios máis antigos que se conservan da poesía medieval feita en castelán”, afirma.

Poesía pensada para divertir á corte e á familia real

“Entre os obxectivos que marquei ao comezo da miña investigación estaba en primeiro lugar establecer o seu corpus poético e logo delimitar cada serie dialogada”, explica a investigadora. Este tipo de poesía estaba pensada para entreter e divertir a corte e máis a familia real.

Por iso en moitos casos, como explica a investigadora, todo comezaba a partir dunha pregunta que Baena dirixía a outro poeta, ou viceversa, e noutros casos simplemente son intercambios de insultos ou ofensas, o que se coñece como ‘recuestas’.

Detalle do facsímile / Duvi

Ademais de entreter, estes intercambios eran unha gran ocasión para mostrar mestría e habilidade técnica como poeta e gañar prestixio. “Nalgúns casos son diálogos moi extensos, compostos por ata 10 ou máis poemas, por iso era importante delimitar ben cada diálogo e adscribilo a un xénero”, explica a investigadora, quen apunta que case todo o corpus poético dialogado de Baena atópase recollido no seu Cancionero e tan só unha composición súa se atopa no Cancionero General e nun prego impreso.

A día de hoxe só se conserva unha copia do Cancionero orixinal custodiada na Biblioteca Nacional de París, levada a cabo por cinco copistas, e na que a investigadora detectou numerosos fallos, tales como perdas de folios, erros dos copistas ao realizar a copia dos textos orixinais e numerosos cambios con respecto á orde orixinal que Baena lle deu aos poemas.

“O índice que figura ao comezo non se corresponde co contido e, despois de todo o traballo levado a cabo, penso que se produciron importantes perdas de material poético”, apunta a investigadora, ao tempo que explica que en primeiro lugar se centrou na transcrición dos textos, partindo da edición facsímile do Cancioneiro, e logo, “chegou a parte máis difícil”, a edición e anotación deses textos.

A calidade poética  deste autor fora ata agora ignorada

Despois de estudar e editar toda a poesía dialogada de Juan Alfonso de Baena, Caíño afirma que esta faceta do escritor medieval, ignorada ata o de agora, amosa unha calidade equiparable á súa prosa.

“Trátase dun poeta inquedo e preocupado pola orixinalidade nos seus versos, cun dominio da técnica moi considerable”, sinala a investigadora. O estudo e a edición da súa poesía permitiulle descubrir á autora da tese a un poeta preocupado pola orixinalidade, feito do que deriva, por exemplo, o emprego de esquemas métricos únicos en toda a poesía medieval castelá do século XV. 

Á marxe destas cuestión a investigación tamén permitiu achegar varios datos biográficos sobre este autor e resolver lecturas ata agora erróneas dalgúns versos. “Penso que o fundamental da tese é que supón unha modesta contribución ao estudo da poesía ‘cancioneril’ e da literatura medieval, pois por primeira vez preséntase unha investigación centrada na figura de Juan Alfonso de Baena como poeta, o que permitirá abrir novos horizontes no estudo da súa obra”, recalca Caiño, docente na Eu de Maxisterio CEU Vigo.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...