InicioMovementos SociaisÉ EN-COLECTIVO a solución para os máis de 20.000 viaxeiros de Peinador...

É EN-COLECTIVO a solución para os máis de 20.000 viaxeiros de Peinador damnificados?

PUBLICADO O

Este mércores presentouse EN-COLECTIVO, unha plataforma que reclamará a AENA AEROPORTOS os prexuízos ocasionados polos atrasos, cancelacións e desvíos de voos sufridos no Aeroporto de Peinador (Vigo) por mor da desconexión do sistema antinéboa ILS para a súa substitución; e que deixou á cidade e á súa zona de influencia sen o seu principal medio de transporte público para longas distancias.

EN-COLECTIVO está promovida por un grupo de viaxeiros afectados e membros de QualityNova Consultores, que decidiron unirse e formar a plataforma para defender colectivamente os seus intereses.

Na presentación de EN-COLECTIVO participaron Diego Maraña Goldar, afectado, portavoz da Plataforma e director xeral de QualityNova Consultores; Rafael Fernández Montalvo, socio en Madrid de Cremades & Calvo-Sotelo Avogados, expresidente da Sección II da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo e ex Vogal do Consello xeral de Poder Xudicial, experto en responsabilidade patrimonial; Alberto García Ramos; socio director de Cremades & Calvo-Sotelo Avogados en Galicia; e Diego Otero, director xeral de Abramar Viaxes.

A principal diferenza de EN-COLECTIVO con outros mecanismos existentes para iniciar reclamacións é que esixirá a AENA AEROPORTOS, mediante demandas colectivas, os danos individuais ou materiais, danos morais e o lucro cesante dos máis de 20.000 viaxeiros dos voos que se viron afectados pola falta do sistema antinéboa.

Diego Maraña, portavoz de EN-COLECTIVO, indicou que os problemas xerados por cancelacións, desvíos ou atrasos dos voos non só implicaron significativas molestias nos usuarios senón tamén perdas económicas e danos morais:”Unha cancelación ou atraso pode levar consigo non poder chegar a unha reunión importante da que pode depender un negocio ou contrato, pero tamén pode afectar a nivel persoal e todo iso xera un prexuízo ilexítimo. Ademais, no aeroporto vivíronse situacións caóticas e de falta total de información e coordinación cos pasaxeiros. Houbo unha plena falta de sensibilidade cos afectados, e unha ausencia de solucións. Unha planificación optima e realista evitaría todo o sucedido”.

Reunión de EN-COLECTIVO1

EN-COLECTIVO esixirá a AENA AEROPORTOS, mediante demanda colectiva, todos os danos irrogados aos pasaxeiros afectados, facendo especial fincapé nos prexuízos individuais de cada afectado, o lucro cesante causado e os danos morais sufridos.

Para defender os intereses xurídicos de EN-COLECTIVO, a plataforma conta co asesoramento xurídico de Cremades & Calvo-Sotelo Avogados, despacho para reclamacións colectivas a nivel nacional e internacional.

Esta firma levou a cabo acciones contra AENA polo peche do espazo aéreo e os controladores aéreos, ou contra Bernard Madoff en EEUU ou a defensa dos accionistas minoritarios de empresas cotizadas en España mediante a defensa de AEMEC (Asociación Española de Accionistas Minoritarios de Empresas Cotizadas).

Reclamando de forma individual resulta moi difícil e custoso reparar os dereitos dos viaxeiros, polo que ante vulneracións como as sufridas nas últimas semanas é máis efectivo realizar unha reclamación colectiva, onde se pode exercer unha defensa mellor coordinada dos afectados e contar cunha maior capacidade de ser escoitado”, afirmou Alberto García Ramos, socio director de Cremades & Calvo-Sotelo Avogados en Galicia.

Avion Aireuropa
Avion despegando aeroporto de Peinador/Miguel Nuñez

Pola súa banda, Rafael Fernández Montalvo, que foi Maxistrado do Tribunal Supremo, Vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e Letrado do Tribunal Constitucional; afirmou que “neste caso concreto cremos que se dan todas as circunstancias para exercitar con éxito unha acción civil dada a actual natureza xurídica de AENA AEROPORTOS, ao amparo do Real Decreto-lei 13/2010 e ao acordo do Consello de Ministros adoptado o 25 de febreiro de 2011″.

Finalmente, Diego Otero, director xeral de Abramar Viaxes, puxo de manifesto que a situación experimentada pola falta do sistema antinéboa xerou numerosos inconvenientes para os seus clientes, maioritariamente empresas, que tiveron custos económicos significativos.

“Se as persoas reclaman os seus dereitos, as entidades responsables destes danos, ben sexa AENA AEROPORTOS ou as compañías aéreas, operarían con maior previsión e, por conseguinte, os prexuízos para os usuarios serían moito menores”, concluíu.

Calquera persoa ou entidade que se viu afectada por atrasos, desvíos e cancelacións de voos nos últimos dous meses pola falta do sistema antinéboa no Aeroporto de Vigo pode adherirse a EN-COLECTIVO.

A entrada na plataforma é gratuíta e só cobrarase aos membros o 25% da indemnización no caso de gañar para cubrir gastos de xestión. Nos próximos días habilitarase unha páxina web (www.en-colectivo.com) onde poder xestionar facilmente a incorporación á demanda colectiva; pero os interesados poden solicitar xa máis información sobre o proceso a través do correo electrónico reclamaciones@en-colectivo.com. Ademais, facilitarase un teléfono gratuíto de información.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fose secretario xeral do...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

Piden seis anos para un acusado por tocamentos a unha menor en Vigo

Un home que foi xulgado este xoves na sección quinta da Audiencia Provincial de...