InicioMovementos SociaisElefantes de Papel viaxa ao campo de refuxiados de Lesbos: "Xuntos, podemos...

Elefantes de Papel viaxa ao campo de refuxiados de Lesbos: “Xuntos, podemos cambiar as cousas”

PUBLICADO O

Elefantes de papel é un gran proxecto que partiu dun libro con 52 relatos curtos en galego e castelán de temática social: o papel dos avós na sociedade, a pobreza, os refuxiados, a defensa dos animais…

Un euro da venda de cada libro vendido foi para a asociación Conrazones de A Guarda e, a maiores, outro euro ía destinado ao colectivo, ONG ou asociación da localidade onde fora presentado, con 52 actos en total. O resto era aforrado para costear unha viaxe ao campo de refuxiados de Lesbos en Grecia e o traballo social que realizarán alí os autores do libro, María e Alberto.

Colaboraron con asociacións tan diversas como Rede de mulleres contra o maltrato, Lápices y Colores, Protectora do Morrazo, Os Biosbardos, Avelaíña, SOS Racismo, Ecolectivon ou STOP Accidentes.

A comezos de ano embarcáronse neste reto co que pretendían percorrer a xeografía galega. Finalmente traspasaron fronteiras e a mediados de maio chegaron a Madrid. Agora que remataron tódalas presentacións, “morreu” o elefantiño, e están listos para coller un avión e traballar 12 días en Lesbos, do 4 ao 16 de xullo. Pero antes da súa marcha falamos con eles para que nos relataran a súa fermosa experiencia.

Braile escritura para cegos
Elefantes de papel/Miguel Nuñez

P- Como naceu o proxecto Elefantes de Papel?

R- Un 16 de outubro Galicia ardía polos catro costados. Íamos María e mais eu a ver unha obra de teatro pero os actores e actrices non puideron pasar polos lumes. Así que sentamos nun banco e espontaneamente xurdiu a idea de escribir libro de contos.

Pouco despois, contactamos coa ONCE, para pasalo ao braille, e coa Asociación Conrazones da Guarda. A temática dos contos é moi variada: amor, desamor, o papel dos avós, a infancia, o coidado das pequenas cousas, a natureza, o Alzheimer…

P- Aínda podemos comprar o libro?

R- A idea non era converternos en escritores, seguro que hai mil libros mellores. O que valoramos deste é que é de pel, e xusto por iso chegou á xente. O libro morreu o 26 de xuño e xa non se pode comprar en ningún lugar, non hai máis presentacións tampouco. Queriamos que se convertera nun tema exclusivo.

O que se vai facer é liberalo na rede, de balde. Para que as persoas que non puideron permitirse a compra poidan telo tamén. O Elefante xa tivo seu camiño, era un proxecto cun obxectivo principal (recadar diñeiro para o viaxe ao campo de refuxiados da illa grega de Lesbos), con comezo e final, 52 presentacións para 52 relatos.

P- Que queda de tanto traballo?

R- Moitísimo. Aínda esta semana estivemos de novo coa xente de Avelaíña, unha asociación para a saúde mental, porque foi moi enriquecedor. Con todo isto saímos gañando, porque coñecimos xente fantástica.

É unha experiencia vital que nos desbordou, redes de solidariedade que con sorte vives unha vez. Un montón de xente anónima estivo apoiando o proxecto, pero non os nomearei porque seguro que esquezo a moita xente.

Refuxiados
Maria Salinas, activista /Miguel Nuñez

P- Como eran as presentacións?

R- Non eran presentacións normais. Levábamos poetas, músicos, escritores… Ás veces duraban 2 horas e media. Eran sempre en apoio a Conrazones e tamén a outra asociación distinta, que explicaban o seu proxecto. Tocamos tódolos paus. Centros de maiores, discapacidades, migrantes, feminismo… Repetimos só coas protectoras de animais, dúas.

“o sentimento é máis difícil e valioso que os cartos”

P- Tamén acudiron a colexios.

R- Si. Neles falábamos aos máis novos de racismo, machismo e a diferenza entre solidariedade e caridade. Entendemos que caridade é darlle os cartos a unha persoa, sen ver máis alá. Solidariedade significa sentarte a falar, non só limpar a conciencia, moito mellor: implicarse.

E costa máis, o sentimento é máis difícil e valioso que os cartos. Coido que Conrazones é un bo exemplo diso, de como dignificar á xente. Gustaríanos incluso ir á cárcere da Lama, teatralizar con eles, porque somos todos persoas.

PQue foi o máis bonito da experiencia?

R- Quizais as visitas aos centros de diversidade funcional, por como conectamos con eles, ou que en Crecente crearan un club de lectura na biblioteca municipal ou incluso un certame literario, hai millóns de anécdotas.

Ou que nun centro de saúde mental no que tiñan problemas de memoria a curto prazo, que de un día para outro esquecen as cousas, rememoren aínda o que foi para eles Elefantes de papel.

E que pensaran en montar unha compañía de teatro en Avelaíña, persoas que padecen problemas de saúde mental. É dicir: puxemos sementes que a xente recolleu. Eles fixeron para nós a mellor obra de teatro que vin na miña vida, con tempo e esforzo a pesar das dificultades. Tamén en Alento, polos seus problemas de memoria, montaron un espectáculo de improvisación. Dámoslle un valor inmenso.

Refuxiados
Berto, activista/ Miguel Nuñez

P- Cal é a maior ensinanza de todo isto?

R- Acabou de demostrar que a sociedade merece a pena. Ás veces polo ritmo de vida non se ve, pero a xente é boa no fondo, só hai que dar ferramentas. Nos fixeron crer que temos que traballar, gañar diñeiro e pensar nun mesmo. Pero con esforzo en conxunto podemos crear cousas especiais.

A xente depositou a súa confianza en nós e demostramos como os de abaixo vivimos un pouco por inercia, deixándonos ir, pero podemos mudar as cousas xuntos. Coido que a xente saía das presentacións sentindo isto, como con esforzo e ilusión consegues todo.

“son moito máis feliz, coa conta baleira”

P- Queda moito por facer.

R- María é mestra, eu fontaneiro, se nós fomos capaces quen non? Eu estiven fai dous anos no campo de refuxiados de Idomeni, e quedouse xente que aínda está alí traballando. Agora iremos a Lesbos a aportar o que poidamos.

Os nenos teñen traumas co mar, algúns deles perderon nel á súa familia e viviron viaxes moi difíciles. Hai que cambiarlles o chip, ir á praia con eles, ver xuntos a beira do mar, ensinarlles a nadar.

Tamén faremos obradoiros deportivos, crreando un “mini mundial de refuxiados” e culturais, con bonecos de goma EVA cos que representar unha obra de teatro. E acabaremos descargando leña, ou o que se precise, por último doaremos tamén todo o diñeiro sobrante recadado co elefantiño.

P- Que opinades do acontecido co Aquarius?

R- A xente que estamos involucrados sabemos que é un “paripé” político, un lavado de cara da xente do PSOE neste caso. Estannos a vacilar, pero ao mesmo tempo hai máis de 600 persoas a salvo en terra. E son persoas, non pedras.

P- María, como puideron organizar isto, tendo traballos e responsabilidades?

R- Tirando de aforros. Eu son mestra e no segundo trimestre pedín unha excedencia, para dedicarme 3 meses ao elefantiño. Pero son moito máis feliz, coa conta valeira. Alberto é autónomo e pagar autónomos é complicado, agora máis, pero tamén foi feliz con todo isto.

Once Braile
Elefantiños en Braile /Miguel Nuñez

P- Alberto, vostede posicionouse moi en contra do barco de Coia.

R- O barco está alí como símbolo da imposición dunha persoa por riba de todos. Por iso, creo que gañamos. A xente enfocouno mal, non se trata de se era bonito ou non. Era gastar millóns de euros con xente durmindo na rúa, xente á que lle curtan a luz. O barco ía poñerse si ou si, pero non foi co beneplácito da xente. E queda como monumento á parvada, para representala.

P- Pensan nun Elefantes 2?

R- Quen sabe. O libro só é unha ferramenta, non esperábamos que ninguén eloxiara a calidade como algúns están facendo. Isto demostra que calquera pode ser calquera cousa. Levamos vendidos 430 ou 440 exemplares, parecen poucos pero hoxe en día vender máis de 300 case é un best-seller. Como anécdota, chegou ata Londres.

P- Alberto, como resumir o que está a pasar en Lesbos?

R- O centro de refuxiados da illa de Lesbos ten unha capacidade de 1.400 persoas e están 8.000. Con iso digo todo. Indomeni era unha gran extensión de terreo, do tamaño de Coia, con 15.000 persoas en tendas de campaña. Estas experiencias son moi duras de vivir, e síntoo pero creo que son necesarias para todo o mundo. Cambiou a miña mirada para sempre.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...