Aprobados o expediente de información pública e o proxecto para reformar a Avenida de Madrid en Vigo

A reforma comprende case 2,4 quilómetros deste viario, unha das principais entradas á cidade desde a meseta e desde Portugal, e suporá a reforma da avenida desde a entrada da A-55 ata a Praza de España, converténdoa nun viario mellor integrado na armazón urbana.

Avenida de Madrid.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) deu luz verde ao expediente de información pública e definitivamente ao proxecto de trazado da remodelación da Avenida de Madrid en Vigo, unha actuación que contará cun investimento de 13,4 millóns de euros.

Segundo comunicou o ministerio, o anuncio publicarase proximamente no Boletín Oficial do Estado, e trátase dunha obra froito dun convenio asinado en 2016 entre o ministerio e o Concello de Vigo. Tres anos despois, ambas as administracións subscribiron unha ‘addenda’ para “reprogramar a execución das actuacións” e adaptar as obrigacións das partes asinantes.

A reforma comprende case 2,4 quilómetros deste viario, unha das principais entradas á cidade desde a meseta e desde Portugal, e suporá a reforma da avenida desde a entrada da A-55 ata a Praza de España, converténdoa nun viario mellor integrado na armazón urbana.

Así, mellorarase a seguridade viaria e dos peóns coa renovación do firme, as beirarrúas e a iluminación; suprimiranse os actuais valos metálicos que diferencian o carril central dos de servizo; aumentaranse os pasos de peóns; e remodelaranse varias interseccións, como a da rúa San Roque, a da Estrada do Vilar e a rúa Gandarón.