InicioSociedadeO servizo de recollida do lixo e limpeza viaria de Vigo anuncia...

O servizo de recollida do lixo e limpeza viaria de Vigo anuncia unha folga indefinida

PUBLICADO O

O Comité de empresa de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, convocou este martes unha rolda de prensa nas instalacións da empresa para informar sobre a falta de acordo nas negociacións do convenio colectivo, e da convocatoria dunha folga indefinida desde o 13 de xullo.

“Non estamos dispostos a perder dereitos, xa non só económicos, senón tamén sociais, que logo costa moitísimo recuperar”, subliñaron na xuntanza desta mañá, na que recoñeceron que para eles é “moi triste” ter que chegar á situación de folga “para poder acadar melloras”.

De tal xeito, pediron desculpas polas molestias que a súa loita poida causar: “É moi triste e pedimos de antemán perdón a tódolos cidadáns. Abócannos a ter que facer sempre estas medidas de presión”.

“Hai compañeiros nosos que traballan só dous días e xente que só un, levan moitos anos así e temos que mirar por esa xente, que teñen familias detrás, e ante iso non nos podemos plantar, e se temos que montar unha folga a montamos”, selaron.

Anuncio da folga/ Miguel Núñez

Acusan desde o comité de querer recortarlles máis dereitos que os perdidos durante a crise: “Non se entende como esta empresa, que acaba de recibir a concesión, intente recortar os dereitos aínda máis e provocar un retroceso económico para todo o colectivo”.

Criticaron tamén duramente a “hipocrisía” municipal: “Estes días gastouse bastantes cartos nos medios de comunicación para facer publicidade diso da vasoira de platino, que todo o mundo presume, e o primeiro en presumir é o alcalde desta cidade, como se a gañara el”.

E, se esta cidade está “limpa”, subliñaron, “é pola colaboración cidadá, cada vez máis alta, e polo traballo e a suor dos traballadores do lixo”. Aproveitaron tamén para denunciar que “se este é un servizo municipal valorado non se nota á hora das relacións laborais, con actitudes que só fan provocar que nos utilicemos unha ferramenta legal como é a folga, cando en asembleas informativas chegamos á decisión de que non había outra alternativa. O respaldo foi absoluto, co apoio das centrais sindicais de CC.00, USO e CIG”.

Denunciaron de forma máis concreta aspectos como que “queren que un traballador da fin de semana, no caso de que morra, que ese falecemento valga menos que a morte dun traballador a tempo completo, o cal resulta provocador”.

Anuncio da folga/ Miguel Núñez

As reivindicacións son económicas, e tamén sociais e laborais. Son uns 600 traballadores, divididos á metade entre os de entre semana e fin de semana. Agora mesmo computan algo máis de persoal pola necesidade de limpeza das praias no verán.

De feito, recordaron como “trala noite de San Xoán, retiráronse toneladas de lixo, e polo noso traballo parece que non pasou nada de noite, á mañá xa estaba limpo”.

En conclusión, prometen que “sairemos á rúa, como facemos sempre, e petaremos á porta do Concello, que tanto presume de 6 vasoiras seguidas, a ver se a nós non nos dá coas xestas”.

 

 

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...