InicioCulturaAlberte Valverde ofrece este xoves unha charla sobre a poesía galega na...

Alberte Valverde ofrece este xoves unha charla sobre a poesía galega na transición

PUBLICADO O

A I Cátedra Internacional José Saramago organizou para esta semana unha conferencia do crítico literario, profesor de lingua e literatura galegas e especialista en poesía galega vanguardista Alberte Valverde sobre poesía galega na transición.

A cita será este xoves día 28 na libraría Andel e nela o autor tratará de axudar ás persoas asistentes a coñecer mellor “unha etapa histórica decisiva no devir do campo literario galego a partir dunha data concreta, 1979, e dun xénero, o poético”.

Pasados xa corenta anos do inicio da Transición española, desde a dirección da cátedra consideran que este é o momento de establecer unha ollada crítica sobre esta época desde un punto de vista historiográfico.

O motivo da escolla da poesía da transición como eixe central da conferencia radica na súa importancia, tanto política, debido á finalización dunha década convulsa, ao inicio da España Democrática e da Xunta preautonómica a finais do 1978, como cultural, coa incorporación do idioma galego ao ensino non universitario, a aparición de novas editoriais ou a dedicatoria das Letras Galegas a un escritor de vangarda como Manuel Antonio.

Segundo explica o autor, a conferencia focalizará a súa atención no xénero poético por mor de manexar durante varias décadas un capital simbólico singular, o discurso de resistencia cultural.

“A poesía socialrealista ocupa o canon dos anos setenta ao establecer un elo de unión entre o campo literario e outros paralelos como son o musical, o plástico e o político”, explica Valverde, ao tempo que fai fincapé en que a configuración de habitus como o de “poeta comprometido” revísase nesta altura para trocalo cara a unha nova dinámica que se podería definir xa na década de 1980 como de produción ou escrita “institucional”.

“É desta maneira como analizamos a produción deste ano para ver como se van asentando novos repertorios, axentes e habitus no campo literario galego da Transición”, recalca.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...