Máxima tensión entre a comunidade educativa e a Consellería de Educación. A decisión de Román Rodríguez de impoñer uns servizos mínimos que “impiden desenvolver calquera folga” -segundo denuncia CIG-Ensino- vén de desatar un enfrontamento que se levaba fraguando nos últimos meses coas denuncias contra a demora do protocolo de educación.
A normativa imposta polo novo conselleiro de Educación a poucos días do comezo das aulas impide, de facto, que o seguimento ás folgas por parte de persoal docente e non docente acade cotas elevadas. Esta restrición, na que os sindicatos ven un ataque ó dereito á folga, acontece porque a regulación implica a presenza dun docente por aula, obrigatoriedade que -segundo centros e sindicatos consultados por GC- non estaba presente en normativas anteriores.
As restricións impulsadas por Román Rodríguez afectan de xeito especial á educación infantil e primaria, que hoxe abre un curso escolar incerto nunha xornada para a que se prevía unha folga con amplo seguimento. Porén, non será así, xa que, como explica Suso Bermello, de CIG-Ensino, “a medida impide facer folga ó 80% do profesorado de infantil e ó 60% de primaria”. O secretario nacional da formación explica que “nestes niveis de educación apenas hai mestres auxiliares á parte dos que corresponden a cada aula”, unha característica que impide chegar ó seguimento alto agardado polos sindicatos.
MOBILIZACIÓN EN VIGO
Con esta dificultade se atoparon no CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo. Segundo explican no centro, a totalidade de docentes manifestou a súa intención de ir á folga, pola cal Pilar G. Araújo -responsable da dirección- comunicou a instancias superiores a súa intención de permanecer no centro -cando tamén ela quería secundar a folga- para permitir ós compañeiros exercer o seu dereito.
Porén, tal e como explica o centro, a inspección comunicoulles entón que, no caso de quebrantar os servizos mínimos impostos pola Xunta, enfrontábanse a unha sanción “grave”: ata dous anos de suspensión sen emprego nin soldo. Ante esta circunstancia, os docentes do centro vigués optaron por acudir todos ó CEIP e concentrarse á entrada do mesmo vestidos de negro.
UNHA MEDIDA PARA “REBENTAR” A FOLGA
Con este acto os docentes pretenden denunciar o que Araújo califica como “uns servizos mínimos abusivos”. “Esta normativa foi impulsada porque viron que as folgas ían ter éxito. Foi un xeito de neutralizar a resposta do profesorado”, valora a directora. Nun sentido paralelo discorre a visión da CIG, que ve na medida un paso para “rebentar a folga”. “Nós non chamamos a quebrantar os servizos mínimos” defende Bermello, “pero isto son máis ben servizos máximos”.
As declaracións de Bermello chegan na mesma mañá na que o TSXG desestimo o recurso que a CIG interpuxo contra as medidas da Xunta. A formación sindical criticou, neste aspecto, o “nesgo ideolóxico” do tribunal. “Emite opinións de carácter político, mais propias dun gabinete de comunicación da Xunta ou do Partido Popular que dun alto tribunal”, denunciaron