Científicos vigueses datan as primeiras alteracións dos sedimentos das rías galegas pola acción do home

Caranguexo / Photopin

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), dirixiu un estudo para indagar nas primeiras pegadas do Antropoceno, unha nova era xeolóxica, en Galicia.

A investigación realizouse a partir da análise de sedimentos de tres rías galegas -Ares, Betanzos e Cedeira- e os resultados, que se comezaron a presentar en revistas científicas do JCI como Estuarine, Coastal and Shelf Science, relevan que estas primeiras pegadas datan nos tres casos de mediados do século XX.

En 2016, o Antropoceno foi proposto como unha nova era na cal o ser humano se converteu nun factor global que afecta a todos os ecosistemas. “Os sedimentos nas zonas internas de ríalas galegas gardan memoria do que acontece nas súas cuncas e conteñen información de cando os procesos naturais se mesturan cos xerados pola actividade humana”, explica Ricardo Prego, profesor de investigación no CSIC e
xefe do Grupo de Biogeoquímica Mariña do IIM.

Neste contexto, o citado grupo de investigación do CSIC deseñou un estudo pioneiro
para coñecer o estado das rías galegas, co fin último de avaliar e observar se os signos da pegada do Antropoceno estaban presentes en sedimentos galegos e desde cando.

Industrialización / Photopin

O estudo contou coa colaboración de persoal de dous grupos de investigación da Universidade de Vigo -Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental-, un do Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera, do Laboratorio de Radiacións Ionizantes (Universidade de Salamanca) e outro do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Medioambiental (Universidade de Oporto).

A metodoloxía empregada para levar a cabo o estudo incluíu recollida de mostras de sedimentos en zonas con baixas poboacións e baixas taxas de industrialización nas rías de Ares, Betanzos e Cedeira para a súa posterior análise nos laboratorios do IIM (Vigo).

“As zonas internas das rías, onde a influencia fluvial é maior, son idóneas para buscar pegadas antropoxénicas e dispoñer así dun rexistro histórico do que ocorreu durante o último século. Poderíase dicir que os seus sedimentos teñen memoria, sempre que non sexan removidos, do impacto humano na contorna”, explica Ricardo Prego.

Engade ademais que a partir de mediados do século XX “moitos estuarios mariños en todo o planeta son afectados polo aumento de poboación e industria”. Os investigadores interpretan que na ría de Ares o principal impacto antropoxénico xorde coa construción dos embalses no río Eume,e só as partículas máis finas chegan á ría, pero o fluxo de metais duplícase; na de Betanzos obsérvase o impacto da construción da ponte do Pedrido, o aumento do trafico rodado e unha crecente urbanización, sendo o resultado unha taxa de sedimentación multiplicada por catro; e na Cedeira mostra a transición dunha cunca agrícola a madeireira pola maior chegada de materia orgánica a ría.

O estudo dos tres casos serviu para confirmar que a era do Antropoceno, a espera
de ser formalmente definida, tería o seu reflexo en Galicia, datado nos sedimentos mariños de mediados do século XX, coincidindo co desenvolvemento posterior á Guerra Civil española.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here