InicioDeportesEntre a Xunta e o Concello de Vigo, "uns por outros e...

Entre a Xunta e o Concello de Vigo, “uns por outros e as pistas seguen abandonadas”

PUBLICADO O

O responsable local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, visitaron esta mañá as instalacións das pistas de atletismo de Balaídos. Alí constataron, en palabras de Bará, “a imaxe lamentable” das pistas e “as graves deficiencias que dificultan a práctica deportiva”.

Para Otero, a situación destas instalacións é reflexo da “nula política deportiva” do Goberno municipal: “As pistas padecen o total abandono que padece o conxunto do deporte de base da nosa cidade”.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

A situación do estadio de atletismo ten sido obxecto de reiterada crítica e denuncia por parte dos e das deportistas e é, para a fronte nacionalista, “impropia dunha cidade que presume do apoio do deporte”.

Neste sentido, denuncian “o deterioro do ximnasio, vestiarios, almacéns e baños e o pésimo estado das gradas. Aliás, a inexistencia dun módulo cuberto que impide adestrar en días de choiva, e o pésimo estado de conservación do anel atlético, tanto de pistas como de tartán, engádense á falla de mantemento e limpeza das instalacións e a redución do seu horario de apertura”.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

Para resolver esta situación, o BNG demanda da Xunta de Galiza que execute “canto antes” o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo, subscrito polo goberno de Feixóo en 2014.

Así se recolle nunha proposición non de lei presentada polo deputado Luís Bará e na que se insta á Xunta a “dar cumprimento inmediato do compromiso adquirido co Concello de Vigo para a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos que contempla as seguintes actuacións: arranxo do baixo grada, novo ximnasio e vestiarios; torre de control e oficinas administrativas; Construción dun módulo cuberto e reforma integral do anel atlético”.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

Os nacionalistas lamentan ademais que a confrontación partidista estea a dilatar a execución dunhas obras que se precisan coa máxima urxencia: “Estamos nun novo capítulo do enfrontamento constante entre Xunta e Concello que está paralizando a cidade”, criticou Bará. “Uns por outros e as pistas seguen abandonadas”, remachou.

A necesidade de reformar as pistas de atletismo de Balaídos foi asumida por acordos entre distintas administracións fai moitos anos. O primeiro acordo vén do ano 2008 coa sinatura dun protocolo entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo para un proceso de reforma integral, compromiso que foi mantido pola Xunta co cambio de goberno no ano 2009.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

Con todo, houbo que agardar ata o ano 2014 para que desde a Xunta se asumise a
remodelación das pistas a cambio de ficar fóra da remodelación do Estadio de fútbol. En
2016 o daquela secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, anunciou que a Xunta
aportaría 2,3 millóns de euros para este proxecto namentres que o concello de Vigo
aportaría 500.000 euros, contando con iniciar o proceso a finais de 2017 a pesares da
anulación do PXOM.

“O certo é que a día de hoxe o proxecto segue estancado e os e as deportistas seguen a denunciar o deterioro das instalacións e as dificultades que teñen para adestrarse. As instalacións deportivas de atletismo están baixo mínimos, e para nada están á altura dunha cidade que presume de apoio ao deporte, mais ben todo o contrario”, denuncian dende o BNG, en sintonía neste caso co parecer da maioría de atletas que empregan as instalacións.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

Destacan como especialmente preocupantes “a situación de abandono en que se atopan o ximnasio, vestiarios, almacéns e baños así como as gradas, que son vellas, e con filtracións de humidades e gretas”.

A isto hai que sumarlle “unha pésima xestión municipal, tanto na falla de mantemento e de limpeza das instalacións como na redución nos horarios para o uso das pistas que afecta especialmente ás persoas que preparan oposicións con proba física“, subliñan.

“As persoas que practican atletismo nestas instalacións deportivas non teñen a culpa das políticas PP-PSOE que levan a falla de entendemento entre Xunta e Concello de Vigo tanto nesta como noutras cuestións. Polo tanto, desde o BNG exiximos, unha vez máis, a reforma das pistas de atletismo de Balaídos de forma inmediata, pois xa existe unha partida para o financiamento de dito proxecto, ademais de planos do mesmo”, remarca a agrupación política.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...