Continúan as mobilizacións na planta de BorgWarner en Vigo contra o novo plan de incentivos

Protesta BorgWarner / CIG

As seccións sindicais da CIG, USO, CGT e CCOO de BorgWarner Emissions Systems Spain, con sede na estrada de Zamáns, en Vigo, están a poñer en marcha un calendario de mobilizacións contra a decisión da empresa de “impoñer un plan de incentivos que afondará na discriminación salarial do cadro de persoal“, denuncian.

 Tomarían a decisión de comezar coas protestas despois de que a compañía decidiuse “de forma unilateral” implantar un novo plan, denominado Bonus EIP, que segundo defenden os sindicatos foi comunicado de xeito individual e só a parte dos traballadores/as: “En concreto aos técnicos/as, uns 200 empregados/as, optando por deixar fóra deste plan de incentivos aos restantes 380 operarios/as do colexio de especialistas”.

Entenden dende a CIG que o problema “non e o plan en si, senón o feito de que sexa implantado agora en Vigo por primeira vez dende que BorgWarner mercou a empresa en 2010 e que se faga ás costas dos representantes legais dos traballadores/as”. O comité está integrado por 17 representantes e configurado por UGT, USO, CIG, CGT, CSFI e CCOO.

Enganden que “o proceso foi feito cunha total ausencia de transparencia, até o punto de que non informaron o comité nin antes nin despois de levar adiante un incentivo que non está recollido no convenio vixente (2016-2019)”.

 

Detalle da pancarta / CIG

Ademais, consideran que o feito de que só se lle aplique a unha parte do persoal “é algo insólito que amosa unha clara discriminación de oportunidades e trato entre traballadores/as, provoca desigualdades e racha coas mensaxes lanzadas dende a dirección no sentido de que todos/as somos un, de que debemos de estar todos/as unidos/as”.

De feito, lembran que este mesmo plan de incentivos foi aplicado polo grupo en outras plantas, onde foi repartido entre todo o persoal. Por todo isto, as catro seccións sindicais (CIG, USO, CGT e CCOO) desenvolveron asembleas informativas cos traballadores/as para informar sobre a decisión da empresa e acordaron levar a cabo nun primeiro momento concentracións diante da empresa coincidindo coa hora do bocadillo nas quendas de mañá e tarde. As protestas comezaron o pasado 15 de maio e rexistraron unha “participación masiva”, segundo os sindicatos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here