Nace un novo movemento cidadán en Vigo en contra do túnel de Porta do Sol

VigoHistórico está a favor da peonalización do centro de Vigo pero sen túneles. Reclaman "un proxecto máis ambicioso" e conseguir que circulen menos vehículos no centro de Vigo. "Hai que facer unha cidade para as persoas", reclaman. Caballero aos que protestan: "Que se esquezan de parar as obras".

Silvia Penas, durante o recital en favor de Vigo Histórico / © Miguel Núñez.

O movemento cidadán VigoHistórico ten como obxectivo facer completamente peonil a Porta do Sol, Elduayen e o Paseo de Alfonso, pero sen túnel de ningún tipo. Isto fai referencia ao proxecto que presentou o Concello de Vigo para facer peonil esta zona a costa de facer un túnel aproveitando parte do parking xa existente. Para apoiar a súa idea, buscan firmar dos cidadáns da cidade.

Segundo a organización, esta “nace coa idea de crear o debate na sociedade viguesa sobre o estilo de cidade” ante a oportunidade que é esta obra. Tamén destacan que “non están vencellados a partidos políticos” e que é un movemento aberto para todo o mundo que queira aportar.

Recollida de firmas en favor da peonalizacion sen tunel © Miguel Nuñez

VigoHistórico denuncia que para liberar de coches un tramo de apenas 200 metros, van ser necesarias dúas ramplas de 7 metros de profundidade e 70 de longo, e poñen como exemplo o túnel do Berbés para exemplificar como quedaría a obra final.

PORTA DO SOL

A pesar de estar de acordo co feito de que a Porta do Sol debe ser peonalizada, consideran que o proxecto “debe ser máis ambicioso e eliminar o túnel”. Neste senso, consideran que actualmente está acontecer unha situación excepcional que hai que aproveitar: O apoio da cidadanía respecto a praza peonil, a tendencia europea a reducir emisións e vehículos nas cidades, a proximidade da nova concesión de transporte urbano e a consecución de fondos europeos para o proxecto Vigo Vertical.

Dende a organización do movemento, consideran que este proxecto non reducirá a cantidade de vehículos, senón todo o contrario: “Incluso aumentará, xa que aforrará ata catro semáforos”. Segundo din, o obxectivo debería ser pensar unha cidade para as persoas e non para os coches: “Facer un Vigo con aire máis respirable, menos ruidoso e máis sostible”.

Por outra banda, consideran que se peonalizase, recuperaríase o Paseo de Alfonso e se podería pór en valor tanto seu miradoiro cara as Illas Cíes, como a oliveira, un dos símbolos da cidade. “Sería un lugar emblemático para Vigo e sumaríase a Praza Constitución e Porta do Sol como enclaves dinamizadores do centro, do que gozarían tanto cidadáns como visitantes”.

Por outra banda, consideran que outra vantaxe da peonalización sen túnel, sería poder manter o formato actual de eventos como a cabalgata de Reis ou o desfile de comparsas no Entroido, facendo pasar os percorridos polas zonas peonalizadas. Tamén consideran fundamentais as conexións que farían entre diferentes lugares da zona histórica e coa Panificadora cando ese proxecto sexa realidade.

ALTERNATIVAS

Ademais, avogan pola creación de espazos para que as persoas podan deixar o coche e acceder ao centro comodamente: “Para iso, hai que tomar accións a nivel urbanístico para facilitar aparcamentos disuasorios, como se fai en moitas vilas europeas”. Ademais, conciben que o obxectivo da peonalización debe ser reducir o tráfico, polo que o Concello debe promover vehículos de transporte públicos ou alternativos como a bicicleta e o patinete sen descartar tranvías ou buses eléctricos.

Afirman que a peonalización “pode ser progresiva para acostumarse e o túnel non”. Tamén consideran necesarias a reorganización das liñas de bus para que conecten co Vigo Vertical, é dicir, con escaleiras e ascensores que accedan a porta do sol e as zonas afectadas pola peonalización, como algúns que xa existen como as escaleiras mecánicas da rúa Segunda República.

CABALLERO: “QUE SE ESQUEZAN”

Por outra banda, o rexedor confirmou que a Xunta de Goberno aprobou o plan de seguridade e control da obra de soterramento do tráfico e peonalización da Porta do Sol, e referiuse a quen se opoñen ao proxecto tal e como se deseñou.

“Sempre hai xente que se opón ás obras, pero que se esquezan de parala. O progreso desta cidade non o detén ninguén”, proclamou o alcalde, quen subliñou que esta actuación é “un soño que sempre tivo” Vigo e “ten luz verde absoluta”.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here