InicioSociedadeO BNG quere acabar coa "improvisación" para a reforma de Balaídos

O BNG quere acabar coa “improvisación” para a reforma de Balaídos

Os nacionalistas sinalan que o alcalde "anunciara" que o novo estadio estaría acabado en 2017 e, a día de hoxe, non hai unha data clara para saber cando se iniciará a reforma na bancada de Marcador nin na de Gol.

PUBLICADO O

O BNG de Vigo propuxo a creación dunha comisión multilateral, con presenza do goberno local, do Real Club Celta, penas celtistas, atletas, Zona Franca e movemento veciñal, para coordinar a reforma do estadio de Balaídos e acabar con “a chapuza e a improvisación” que rodea á obra. Os nacionalistas reclamaron, con esta proposta, superar “o punto de bloqueo derivado da falta de interlocución” entre o goberno de Abel Caballero e a directiva do club.

O concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou a “pésima xestión” que fai o goberno municipal da “problemática” que hai na bancada de Río (os afeccionados queixáronse da falta de espazo entre os asentos), así como o “enésimo cambio de criterio e de prazos” na reforma.

Ademais, lembrou que a obra se converteu nunha “chapuza” que acumula atraso, porque o alcalde “anunciara” que o novo estadio estaría terminado en 2017 e, a día de hoxe, non hai unha data clara para saber cando se iniciará a reforma na bancada de Marcador nin na de Gol.

Por todo iso, o BNG expuxo a creación desa comisión para que a reforma de Balaídos teña como resultado un estadio “máis seguro” e “máis funcional”, pero tamén que sirva para revitalizar a contorna. Esta comisión sería, segundo Pérez Igrexas, un “instrumento para lograr o necesario consenso” e “non seguir dilapidando millóns” nunhas obras que “parece que non lle gustan a ninguén”.

COFINANCIAMENTO DA XUNTA

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, volveu a insistir este venres en que a Xunta debe confinanciar as obras de reforma da bancada de Marcador, cuxa investimento estimado está “entre 15 e 20 millóns de euros”.

O rexedor remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que o goberno galego achegue a mesma cantidade que Concello e Deputación de Pontevedra nesa parte da reforma, e lembrou que outros gobernos autonómicos colaboraron nas reformas de estadios dos equipos. “O Celta é o único equipo de Galicia en Primeira División, e a Xunta pon cero euros na reforma do estadio”, denunciou.

Por outra banda, e cuestionado polos xornalistas acerca da sanción imposta ao Celta por parte da liga polas deficiencias na iluminación de Balaídos, o alcalde limitouse a afirmar que “o Deportivo (da Coruña) vai investir 1,6 millóns na súa nova iluminación”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...