Detido un home de 55 anos polo intento de secuestro dun menor nun parque

Un veciño do lugar, que coñecía ao neno, alertou ao seu pai, quen saíu á carreira e viu como o home levaba ao seu fillo.

Policía Local de Vigo / © Miguel Núñez.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, E.F.A., de 55 anos de idade, como presunto autor dun delito tentado de detención ilegal, tras tentar levar a un neno de 9 anos dun parque no que estaba a xogar.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde do pasado martes, cando o 092 recibiu un aviso dun suposto intento de secuestro nun parque infantil da zona de O Calvario.

Unha vez no lugar a dotación policial, os axentes entrevistaron aos pais do menor, quen relataron que o home se achegou ao seu fillo e aos seus amigos, que estaban a xogar no parque, e convidara ao menor a acompañalo a outro lugar afastado, para ensinarlle un xoguete, levándoo por un brazo.

Un veciño do lugar, que coñecía ao neno, alertou ao seu pai, quen saíu á carreira e viu como o home levaba ao seu fillo. O home encarouse co sospeitoso, ao que increpou, e este soltou ao neno e abandonou o lugar apresuradamente.

O propio neno explicou aos axentes que o home se lle achegou e que o convidou a ir con el a outro sitio, onde había “un camión de xoguete”. O seu pai relatou que ese home levaba días frecuentando ese parque, e que sentaba a observar aos nenos mentres manipulaba un computador portátil.

A Policía despregou un dispositivo de procura e, grazas á descrición achegada por testemuñas, logrou localizar ao sospeitoso nunha rúa próxima. O home foi detido e os axentes puideron comprobar que, na mochila que portaba, levaba un computador portátil e un coitelo de 22 centímetros de folla, entre outros efectos.